Mos | Os deputados do Partido Popular Ana Pastor, Diego Gago e Juan Constenla, acompañados pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, presentaron hoxe as emendas aos Orzamentos Xerais do Estado para este concello, que ascenden a 3,5 millóns de euros, ademais de 9 millóns para a gratuidade da peaxe da autopista nos movementos entre Vigo-Mos-O Porriño e Tui.
Foi durante a visita á N-550, en Pombal-Louredo, na que xunto aos afectados urxiron ao Goberno central que inclúa unha partida para remodelar a intersección e permitir que os veciños poidan acceder aos núcleos de poboación de Pombal, Pantaño ou San Gregorio. Unha obra que conta co visto bo do director de Demarcación de Carreteras pero que o Goberno de Pedro Sánchez deixou atrás nos orzamentos para o ano 2022.
Ana Pastor defendeu a importancia dunha infraestrutura fundamental e urxente para garantir a educación vial desta parroquia. E por iso desde o PP reclamarán o apoio do resto de deputados da provincia a esta emenda, “que non ten cor política, senón que defende as reivindicacións xustas dos veciños”. Pastor recordou que durante a súa etapa como Ministra de Fomento iniciouse este proxecto, e segue co mesmo compromiso que naquel momento. “É fundamental que reserven unha partida económica para executar este proxecto”, insistiu.
Os deputados nacionais se comprometeron a que, se esta emenda non é apoiada polo resto de partidos políticos, presentarán unha proposición non de Lei na Comisión de Infraestruturas e Transportes do Congreso dos Deputados para seguir defendendo a súa execución.
Nesta mesma liña incidiu a alcaldesa Nidia Arévalo, que urxe a construción dunha intersección que permita á metade da parroquia comunicarse coa N-550. Ademais, recordou que o ano pasado tamén visitaban Amieirolongo para facer a mesma reclamación, “que se elimine o perigo que supón para os veciños, para os peregrinos e para todas as persoas que transitan por esta estrada entre Mos e O Porriño, xa que é unha zona comercial e por ela pasa o Camiño de Santiago”.
Dixo que levan anos reclamando, desde que Ana Pastor era Ministra de Fomento, unha solución para as entradas e saídas da A-52 e da A-55. “Nese momento iniciáronse os trámites, cedéronse os terreos, comezouse o proxecto, pero o cambio de Goberno paralizou todo. A realidade é que pasan anos, e en Madrid nin PSOE nin Podemos se acordan da necesidade imperiosa de que se faga esa obra”.
Por iso amosou a súa satisfacción porque “haxa un grupo no Congreso dos Deputados pendente e disposto a defender as demandas dos veciños de Louredo, Sanguiñeda e, en definitiva, Mos”.
Estas alegacións, continuou, “son vitais para Mos”, e agradecer aos veciños que son os primeiros en reclamar unidos para que o Ministerio de Fomento o poñan en marcha. Di que “hai moi boas palabras, compromisos verbais, pero que non se inclúen nos orzamentos xerais que é onde deben de aparecer as partidas”.
Por último, o representante da Plataforma de Veciños de Louredo, José Couñago, explicou que esta reclamación “non é un capricho, é un problema de seguridade que afecta a máis de duascentas vivendas que necesitan entrar, saír e desprazarse con seguridade”.
Xunto ao proxecto na N-550, os populares tamén incluíron outros investimentos para Mos, como adecuar e modificar o trazado das curvas da A-52 entre Vigo e O Porriño; a construción dunha pasarela peonil en Amieirolongo e a humanización da contorna comercial; a construción dun enlace no Polígono Industrial da Veigadaña coa A-55; a construción dunha rotonda na N-120, para garantir a seguridade vial e mellorar a fluidez do tráfico na confluencia desta estrada nacional coa AP-9 e a A-55; reasfaltar a A-55 con asfaltado fonoabsorbente e absorbente permeable ao seu paso por Mos e O Porriño para paliar os perxuízos por alto nivel de ruído que sofre a poboación; así como suprimir a peaxe na AP-9 entre os usuarios de Vigo, Mos, O Porriño e Tui, unha medida absolutamente xusta tendo en conta que é un desprazamento practicamente urbano para o que non existe alternativa de calidade e seguridade.