Cadernos da viaxe.
O 15-N último o Parlamento de Galicia celebrou o 80 aniversario da constitución en Montevideo, no 1944, do Consello da Galiza presidido por Castelao, composto polos últimos deputados galegos eleitos democraticamente en febreiro de 1936 a xeito de institución fideicomisaria que representaba a vontade de autogoberno expresada pola cidadanía galega na aprobación, no referendo do 28 de xuño de 1936, do Estatuto de Galicia (un millón de votos favorábeis a respecto duns 1.343.000 electores), proposto pola aprobación de máis de ¾ dos concellos galegos na súa asemblea de decembro de 1932 en Compostela.
Aquel evento executaba o moi recente acordo unánime da Mesa do Parlamento de Galicia, en consenso cos grupos do BNG, PSdeG e PPdeG, recoñecendo Castelao, primeiro Presidente do devandito Consello de Galiza (1944-50) como protopresidente da Xunta de Galicia instaurada no segundo Estatuto de 1981 e, xa que logo, consonte co principio democrático, como primeiro Presidente de Galicia, como lle propuxeron á Cámara lexislativa deste país meses antes o Partido Galeguista e máis as Fundacións Galicia-América e Xeito Novo da Cultura Galega; o Padroado da Cultura Galega de Montevideo; a Federación de Asociacións Galegas da República da Arxentina; o Centro Galego de Bos Aires; o Centro Galicia de Bos Aires; o Instituto Arxentino-Galego Santiago Apóstolo de Bos Aires; a A.B.C. de Corcubión e máis o Centro Betanzos de Bos Aires, malia que despois adheriran tamén o Hogar Gallego para Ancianos de Bos Aires, o Centro da Estrada e máis o Colloquium USA-Galicia.
Alicerzábase aquel recoñecemento na evidente conexión entre o plebiscito de 1936, a constitución do Consello de Galiza como a súa institución fideicomisaria (pois que a única Xunta provisional prevista non podía xuntarse pola morte, prendemento ou falla da súa libre mobilidade pola maioría dos deputados galegos eleitos do 1936 que haberían constituíla co único obxecto de convocar unhas eleccións á primeira Asemblea parlamentaria galega que, porén, non poderían celebrarse pola ocupación do territorio galego polo réxime de facto franquista) e máis a elección de Castelao como ministro representante de Galicia-non do PG nin da Fronte Popular que integraba o PG e validara a súa candidatura de deputado no 1936- no goberno republicano de Giral (1946-1947) a carón dos ministros vasco e catalán nomeados por cadanseus Gobernos no exilio. Cuestións todas que alicerzaron o recoñecemento de Galicia como nacionalidade na Constitución de 1978, de xeito que puido acceder, canda Catalunya e Euskadi, ao máximo nível de autonomía e aprobar o seu Estatuto a medio dun sistema bilateral paccionado entre cadansúas representacións da asemblea de parlamentarios galegos e a comisión constitucional do Congreso.
“O pasado 29-X, o PPde-G vetou a proposta do BNG “recollendo a luva do Partido Galeguista e das entidades da emigración” de recoñecer Castelao com primeiro Presidente de Galicia”
Seguiu a este recoñecemento a declaración pola Xunta do Ano Castelao 2025, por se celebrar o 7-X o 75º o aniversario do seu pasamento e mais o acto desa mesma data no Panteón de Galegos Ilustres, coa participación de todos os grupos parlamentarios, a alcaldesa de Compostela, o Consello da Cultura Galega, a Academia Galega e máis a Fundación Castelao.
Mais de súpeto, o pasado mércores 29-X, o PPde-G vetou a proposta do BNG “recollendo a luva do Partido Galeguista e das entidades da emigración” de recoñecer Castelao com primeiro Presidente de Galicia, manifestando que o único primeiro Presidente era Xerardo F. Albor (1982-87) e que “Galicia gañou a autonomía na transición”, declarando xa que logo, que Galicia como realidade política e titular do dereito ao autogoberno nace só do réxime de 1978.
O PPdeG rexeita o que xa tiña admitido e esquece que o recoñecemento nacional da Galicia na Constitución de 1978 e no Estatuto de 1981 xurde tanto do plebiscito do Estatuto de 1936 como do Consello da Galiza que mantivo fideicomisariamente o seu legado. Esquece e mesmo refuga que, en realidade, xurde do pensamento e da acción do galeguismo político, que constitúe a fonte xe lexitimidade do noso autogoberno, da autonomía política galega.
Ao rexeitar expresamente o legado de Castelao e do galeguismo político, malia o amosado exteriormente no Pazo do Horreo o último 15-N, o PPdeG non só desautoriza o presidente do Parlamento, Miguel Santalices e á dirección do seu grupo parlamentario, senón que destrúe de vez as fráxiles pontes que comunicaban ou podían comunicar até de agora aquel PPdeG de Cuíña e Palmou co galeguismo.
Coincide esta ruptura de pontes con outro erro antolóxico de Rueda e do PPdeG como é o apoio ao proxecto da celulosa de Altri en Palas de Rei. Semella que esta simultaneidade de dous erros tan graves pódenlles facer perder esa diferenza que até de agora lles permitiu obter absolutas nas eleccións nacionais galegas.