Santiago de Compostela/PPdeG | Os parlamentarios galegos do Partido Popular levarán aos Plenos que se celebrarán este martes e mércores, 6 e 7 de febreiro, no Congreso dos Deputados e no Senado unha ampla batería de iniciativas sobre importantes reivindicacións da comunidade autónoma de Galicia. “Serán uns plenos á galega, nunha semana moi importante para Galicia nas Cortes Xerais”, subliñan.
A proposta dos deputados do PPdeG, na Cámara Baixa, debateranse unha proposición non de lei sobre as actuacións que o Goberno de España debe tomar en relación coas infraestruturas e o transporte en Galicia. A través desta iniciativa, demandan en materia de estradas un plan de conservación e mantemento de estradas estatais, a reconstrución dos viadutos da A-6, o remate das autovías pendentes, a transferencia da AP-9, a liberación da peaxe da AP-53 ou a aplicación de bonificacións para paliar a suba das peaxes da AP-9 e a AP-53.
No que se refire aos servizos ferroviarios, reclaman así mesmo o remate da Variante Exterior de Ourense, a modernización do corredor ferroviario Ourense-Monforte-Lugo, a aposta decidida polo AVE por Cerdedo, a elaboración dun Plan Director do Corredor Atlántico, a involucración do Goberno na conexión con Portugal por Alta Velocidade, a mellora da conexión ferroviaria entre A Coruña e Ferrol e da liña de ancho métrico Ferrol-Ribadeo ou a chegada dos trens Avril.
O deputado lucense Jaime de Olano preguntaralle tamén ao ministro de Transportes sobre “as previsións que manexa o Goberno de España para arranxar o lamentable estado de conservación das autovías estatais e estradas nacionais en Galicia”. E, como último punto da Orde do Día da sesión plenaria desta semana, terá lugar a comparecencia do ministro de Transportes para informar sobre o vertido de pellets de plástico aparecido na costa galega.
Infraestruturas, industria e servizos de dependencia
Pola súa banda, na Cámara Alta, os senadores galegos presentaron unha moción, unha interpelación e dúas preguntas orais dirixidas ao Goberno central.
A moción, que será defendida pola senadora por Pontevedra e alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, reclama ao Goberno a transferencia á Xunta de Galicia da titularidade da autoestrada AP-9, así como a posta en marcha do servizo de suficientes trens Avril de rodadura desprazable, que comuniquen as cidades galegas do Eixo Atlántico entre si. Ademais, pide a conexión das devanditas cidades coa capital de España a través da Alta Velocidade; así como a conexión entre Vigo e a cidade portuguesa do Porto.
Igualmente, a moción solicita, nun segundo punto, o desenvolvemento do Plan Director do Corredor Atlántico Noroeste comprometido, a creación dun Plan de conservación integral dos firmes na Autovía do Noroeste (A-6), que inclúa a reconstrución e posta en servizo dos viadutos do Castro, tanto en sentido Madrid como en sentido A Coruña; o deseño dun Plan de conservación extraordinaria para a posta a punto dos firmes das vías A-6, A-52, A-55, AP-53, N-120 e N-642; a conclusión da conexión Santiago-Lugo (A-54); a axilización da circunvalación de Pontevedra (A-57); o inicio da Autovía da Mariña (A-74); e o eixo Ourense-Lugo.
En terceiro lugar, a iniciativa dos populares pide tamén ao Goberno central a redistribución dos fondos europeos non comprometidos dentro dos Next Generation polo Estado e outras comunidades, de modo que desde o Goberno galego se poidan financiar proxectos preparados en materia de estradas, mobilidade sostible e outros como aparcadoiros seguros para transporte de mercadorías, asegurando o cumprimento dos fitos marcados pola Unión Europea.
Por outra banda, o portavoz adxunto do Grupo e senador por Lugo, José Manuel Barreiro, interpelará ao Executivo para que informe sobre a situación na que se atopan os Perte que se proxectaron desde Galicia.
Igualmente, na sesión de control ao Goberno, o senador e alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, preguntará se ten previsto construír un dique seco cuberto, así como un novo dique de reparacións en Navantia Ferrol; ademais de dotar unha partida orzamentaria nos Orzamentos Xerais do Estado 2024 para levar a cabo estas obras. Por último, o senador por Ourense Francisco Fernández interesarase polo financiamento do 50% do sistema para a autonomía persoal e atención á dependencia, nos próximos PGE, tal e como establece Lei 39/2006.