Ourense | Luis Álvarez Pousa recolleu esta mañá, nun acto celebrado no Centro Cultural Marcos Valcárcel, o XXXIII Premio de Xornalismo Xosé Aurelio Carracedo, pola súa longa e intensa traxectoria profesional, aínda en activo, “como formador das primeiras promocións de xornalistas galegos, o seu compromiso co xornalismo cultural e a súa capacidade para xerar pensamento e debate na sociedade desde a revista Tempos Novos,”, tal e como destacou o xurado deste galardón na súa acta, á que fixo lectura a presidenta do mesmo, a decana da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra, Emma Torres.
O presidente da Deputación, Luis Menor, celebrou que este premio continúe a premiar destacadas traxectorias na profesión xornalística e glosou a figura do premiado, Luis Álvarez Pousa: “foi un adiantado, un pioneiro para o xornalismo galego e ourensán entre as décadas dos 70 e dos 80. Contribuíu a abrir fiestras nos últimos anos do franquismo e nos primeiros da Transición”. De feito, lembrou as claves da carreira profesional do Premio Carracedo 2024, con diferentes postos de responsabilidade dentro do Grupo Voz, sendo tamén o primeiro cronista político de Galicia, ademais de mestre de xornalistas da Facultade de Xornalismo da USC e investigador académico.
Ademais de reflexionar acerca da situación actual do Xornalismo, coas “fake news” na era da “posverdade”, Luis Menor fixo un alegato en favor da profesión xornalística, “garante da información veraz, contrastada e de calidade que precisa toda sociedade sá e madura”. Por este motivo, o presidente da Deputación reivindicou que “se queremos ser libres nas nosas decisións, precisamos do xornalismo en maiúsculas, o que sempre defendeu desde a súa pluma e desde as aulas Luis Álvarez Pousa”. E reivindicou con firmeza que “os políticos debemos respectar á profesión xornalística para ser respectados”.
Por este motivo, coincidente cos obxectivos que marca este certame, Luis Menor garantiu que a Deputacion continuará a apoiar o Premio de Xornalismo Xosé Aurelio Carracedo. Precisamente o sobriño do falecido xornalista que lle dá nome a este certame desde hai 33 anos, Miguel Jiménez Carracedo, agradeceu á institución provincial o seu empeño en manter este premio, ao que valorou como “importancia para a transmisión e promoción do que é Galicia e Ourense”
O Premio Carracedo 2024, Luis Álvarez Pousa, definiu as súas emocións ao recibir este galardón con catro conceptos: “Sorpresa, gratitude, satisfacción e conexión emocional”, vinculando esta última ao recordo de Xosé Aurelio Carracedo, “referente ético do Xornalismo” e ao seu reencontro con Ourense, “cidade na que madurei en conciencia crítica”. Logo de detallar as claves da súa traxectoria profesional, Álvarez Pousa sinalou ao “servizo público como a razón de ser do Xornalismo”, e por iso fixo un chamamento a reivindicalo como profesión “e aos xornalistas como intermediarios necesarios da información”. Precisamente, no que atinxe á información xornalística, abundou en que “debería xogar un papel como ben público que é, pois todos e cada un de nós somos os seus propietarios”.
Aínda que denominou a súa situación actual como “administrativamente xubilado”, Luis Álvarez Pousa defendeu o seu activismo a prol “do dereito da cidadanía a unha información veraz” e manifestou a necesidade de “provocar a reflexión e o pensamento crítico”.
Impulsor do xornalismo cultural e mestre de profesionais
Luis Álvarez Pousa (Trasmiras, 1948) é un xornalista prototipo da evolución da profesión nas últimas décadas. O Seminario de Ourense foi o seu berce cultural, como tamén o de moitos outros destacados xornalistas do último cuarto do pasado século.
Licenciado en Xornalismo pola Universidade Complutense de Madrid, ademais de Teoloxía pola Universidade Pontificia Comillas e doutor en Historia Contemporánea pola Universidade de Santiago de Compostela, Álvarez Pousa iniciou a súa traxectoria profesional na delegación de La Voz de Galicia en Ourense, sendo ademais o primeiro cronista político deste xornal durante a Transición.
Á súa faceta xornalística súmase a súa traxectoria docente, formando parte do claustro de profesores que puxo en marcha a Facultade de Ciencias da Comunicación (Xornalismo) da USC, do que formou parte ata a súa xubilación en 2018. A esta faceta engádese ademais a súa etapa, entre 1983 e 1985, como director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, período no que creou o Centro Dramático Galego.
Participou nos consellos de redacción das revistas Tempo Exterior e Criterios e foi fundador das revistas Teima e Tempos Novos, desta última contribuíndo a manter 329 números consecutivos dunha edición mensual de información e opinión para o debate. Ademais de membro do Consello Asesor do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, na Televisión de Galicia dirixiu e presentou Encontros, o primeiro debate na historia da TVG e o programa semanal Extramuros. Tamén foi creador das Xornadas do Cine en Ourense en 1973, xunto a Xosé Paz, e ten escrito numerosas publicacións entre ensaio, obras colectivas e poesía. A súa longa traxectoria complétase agora co recoñecemento a través do Premio de Xornalismo Xosé Aurelio Carracedo, que se suma a outros galardóns recibidos en diferentes ámbitos do exercicio do seu oficio.