Gondomar | Este martes, 13 de marzo, a partir das 20.00 horas na Biblioteca de Gondomar, a asociación Espazo Lectura celebra a sesión mensual do club de lectura Sete Vidas centrado en títulos de narrativa.
O escritor Xavier Queipo, Premio Xerais de Novela 2011 e recente Premio Ánxel Casal ao autor do ano, participará este martes, 13 de novembro, no club de lectura Sete Vidas para falar cos lectores e lectoras da súa última novela Extramunde (Xerais, 2011).
Na primeira parte da sesión, de 20.00 a 21.00 horas, as persoas que participen no club poderán conversar arredor da novela antes de que o propio autor, Xavier Queipo, se incorpore á tertulia para charlar cos lectores e lectoras.
O libro
Extramunde narra, co alento prendido nas entrañas, unha viaxe alucinada que vai da freguesía de San Andrés deica a illa de Borneo, pasando por Senegal, Camerún, o Cabo de Boa Esperanza, Mozambique, a illa de Madagascar, a badía de Trincomalee, as illas de Anamán e o estreito de Malaca. Unha novela que retrata o poder omnímodo da Igrexa nos tempos escuros da Inquisición e a navegación polos océanos Atlántico e Índico na procura de mundos afastados, para rematar nun poboado da tribo dos Dayaks, os cortadores de cabezas. Extramunde, escrita nunha prosa coidada, engaiolante, por veces vertixinosa, supón a culminación dun soño: a negación da diferenza, a procura da liberdade. Dividida en catro seccións, cada unha cun ritmo e cun alento diferenciado, admite varios niveis de lectura, pois é, ao mesmo tempo, novela de aventuras, de viaxes e de pausada reflexión. Unha novela que non vai deixar indiferente a quen se adentre no proceloso mar da escrita de Queipo.
O autor
Xavier Queipo (Compostela, 1957). Licenciado en Bioloxía e Medicina e Cirurxía, desde 1989 vive e traballa en Bruxelas como funcionario da Unión Europea. É un dos autores que durante a década de 1990 incorporou á narrativa galega rexistros e temas nos que salientan a heterodoxia e o gusto pola hibridación cultural. Desde 1990 escribe e publica regularmente en galego. É autor, entre outros libros, de Ártico e outros mares (relatos, 1990); Ringside (relatos, 1993), O Paso do Noroeste (novela, 1996); Malaria sentimental (novela, 1999); Papaventos (2001, novela); O ladrón de esperma (2001, relatos); Os ciclos do bambú (2003); Glosarios (poesía, 2004); O espello e o dragón (2005, literatura infantil); Dragona (2007, novela); Caderno da Revolución Cultural (crónicas radiofónicas, 2007); Saladina (novela, 2007); Felices e diferentes (crónicas radiofónicas, 2009); A illa dos cangrexos violinistas (literatura infantil, 2009); Cartas marcadas (ensaio, 2010); Ártico 2.0 (relatos, 2011) e Extramunde, Premio Xerais de Novela 2011.
Membro do Dichterscollectif van Brussel desde 2007. Recibiu varios premios en Galicia e o Premio da Crítica española en 1991. Ten participado en numerosos libros coletivos e antoloxías, traduciu do francés ao galego a Amin Maalouf e Hervé Guivert, e do inglés a Conrad e Joyce.