Barcelona | O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asistiu no Gran Teatro do Liceu de Barcelona á gala “Unha xeración, dous mundos”; unha homenaxe á emigración galega en Cataluña do último século nun espectáculo teatral dirixido por Xisco Feijóo e Artur Puga coa participación de máis de 250 actores e músicos sobre o escenario.
A institución provincial colabora coa iniciativa, promovida por Xuntanza de Catalunya e con 27 entidades de galegos na comunidade catalá involucradas na organización. José Tomé felicitou aos organizadores por “pensar e por sacar adiante este gran acto de homenaxe ao galeguismo en Cataluña, porque debemos reivindicar e sentirnos moi orgullosos deses milleiros de pequenas historias persoais e familiares que, xuntas, forman a gran historia dos 150.000 galegos que hai medio século viñeron para asentarse aquí en Cataluña”.
“O pasado tróuxonos ata aquí, e a vida de cada emigrante galego demostra que, mesmo dende un punto de partida incerto, se poden acadar grandes cousas”, asegurou o presidente, que felicitou a todos os emigrantes polo seu “esforzo e exemplo”, ademais de mostrarse convencido de que van “seguir traballando para que o futuro de Cataluña, de Galicia e de toda España se siga construíndo pensando no progreso, na igualdade e no orgullo dos nosos sinais de identidade”.
O mandatario provincial amosou a honra que lle supuxo “como lucense e como galego poder asistir a este fermoso encontro, co que rendemos unha homenaxe tan merecida a toda esa xeración de galegos e galegas que emigraron cara Cataluña nos anos 60 e 70 do século pasado”. Manifestou que como presidente da Deputación de Lugo “é unha verdadeira satisfacción ter a oportunidade de renovar o compromiso da institución que presido coa comunidade de lucenses que residen fóra da provincia de Lugo”.
Puxo en valor a estreita relación que a Deputación mantén coa comunidade galega en Cataluña. “Mantemos uns lazos cordiais e constantes de comunicación e de traballo conxunto. Apoiamos as súas iniciativas sociais e culturais, e celebramos xuntos festas como o San Froilán de Barcelona, en Nou Barris. Por iso, a Deputación de Lugo quixo, dende o primeiro momento, apoiar esta homenaxe”, destacou José Tomé.
Recoñecemento ás historias de vida
Tomé Roca subliñou que hoxe “é un día de agradecemento, de recoñecemento e de festa, e alégrome especialmente disto último, porque as historias da emigración teñen sempre un punto de partida triste, marcado pola dor da separación e pola incerteza coa que se albisca o futuro”.
Nese sentido, afondou no que significa este evento, porque “como queda demostrado hoxe aquí, a historia da emigración galega en Cataluña ten un desenlace positivo. Un desenlace que se traduce neste presente, que está cheo de traballo, de compromiso cívico e de orgullo polas raíces, a lingua, a cultura, e os costumes”, explicou.
Un papel fundamental na Transición Democrática
“Cada emigrante ten unha historia propia, persoal, intransferible. Unha historia chea de soños, de proxectos, de atrancos, de esforzo, pero todas esas historias, xuntas, forman un relato colectivo que é patrimonio de todos: de Lugo, de Galicia, de Cataluña e, polo tanto, da historia recente do noso país”, indicou.
José Tomé Roca referiu que a emigración galega a Cataluña na segunda metade do século XX “foi unha parte fundamental do proceso de desenvolvemento económico do conxunto de España. As oportunidades que se xeraron en sectores como o de servizos, o automóbil ou o téxtil foron as que atraeron a tantos galegos a vir a esta terra, e o seu traballo contribuíu a un impulso económico que resultou imprescindible para sentar as bases da recuperación da nosa democracia”, reflexionou, ao tempo que puxo o foco en que “as ditaduras sempre levan consigo atraso, e dende o atraso económico é máis difícil saír cara a liberdade. Por iso, penso que o traballo dos galegos e galegas en Cataluña, man a man coa sociedade catalá, foi un elemento clave de cara a consolidar a nosa Transición”.
“O despegue económico xerou unha clase media aberta, con máis medios, que podía viaxar e coñecer Europa. Aquela Europa chea tamén de emigrantes galegos en Suíza, Alemaña, Francia e Inglaterra. Emigrantes que, ao cruzar a fronteira dos Pirineos, se atopaban coas dificultades, pero tamén coa liberdade dunha democracia que querían para a súa terra”, subliñou o mandatario provincial.
A gala
A homenaxe consistiu nunha gala de teatro musical que contou coa presenza de máis de 2.200 persoas. Actuaron máis de 250 actores e músicos, baixo a dirección artística de Xisco Feijóo e Artur Puga, dous referentes no mundo da cultura musical e da danza. Na organización están involucradas 27 entidades colaboradoras da comunidade galega en Cataluña.