O presidente da Junta de Andalucía foi homenaxeado polos galegos en Asturias

Alberto Núñez Feijóo fixo un discurso político e criticou ao Goberno central

Oviedo | Juan Manuel Moreno Bonilla, presidente da Junta de Andalucía, recibiu hoxe sábado en Oviedo a Insignia de Ouro e o carné de Socio de Honra da Asociación do Día de Galicia en Asturias. O acto celebrouse ás dez e media da mañá no Hotel NH Principado, na rúa de San Francisco, e contou coa asistencia do presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo, quen participou en calidade de Presidente de Honra do colectivo galego. Tamén estiveron presentes nesta homenaxe Alfredo Canteli, alcalde de Oviedo; Álvaro Queipo, presidente do PP en Asturias, e deputados rexionais deste partido. Ademais, asistiron concelleiros e relevantes personalidades sociais, económicas e culturais do Principado.

Manuel Fernández Quevedo, presidente da Asociación do Día de Galicia en Asturias, natural de Loureiro (Nogueira de Ramuín. Ourense) sinalou que o colectivo galego recoñece a Juan Manuel Moreno “pola súa brillante carreira política, que comezou desde ben novo en cargos de menor relevancia, ata pasar por infinidade de postos cada vez máis importantes e chegar a ser presidente da Junta de Andalucía”. Moreno é, ademais, un frecuente visitante de Galicia, comunidade na que lle gusta gozar xornadas de descanso.

Facía xa máis de dous anos que esta asociación tiña programado distinguir ao presidente andaluz, pero os seus problemas de axenda fixeron imposible que puidese viaxar a Oviedo. No acto interviñeron Fernández Quevedo, Moreno Bonilla e Núñez Feijóo.

Intervención política de Feijoo
Alberto Núñez Feijoo, recoñeceu que ambiciona, especialmente nestes momentos, unha “España que deixe de ser noticia pola corrupción e a hipocrisía”, e na que non haxa un goberno máis preocupado en protexerse a si mesmo que en protexer aos cidadáns. España, engadiu, debe ter un goberno “que non deteriore as institucións, senón que as preserve e garanta” e que teña un presidente “cunha axenda do país e non cunha axenda xurídica porque se está máis preocupado pola axenda xudicial, non prioriza ao seu país”.

O galego Núñez Feijóo, que é presidente de honra desta asociación e que se atopa en Oviedo desde onte, onde asistiu á cerimonia de entrega dos Premios Princesa de Asturias, animou á cidadanía para confiar en que un futuro mellor é posible nun país no que o 70 por cento da poboación vive en comunidades gobernadas por un partido distinto ao do Goberno central.

Unha gran idea
Segundo Feijóo, crear a Asociación Día de Galicia en Asturias foi unha “gran idea que só se lle puido ocorrer a un galego intelixente” e que é de destacar nestes momentos porque pretende unir comunidades autónomas e vertebrar ao país desde a sociedade civil.

“Ten vocación de unir e crear vínculos, de mellorar a vida de todos, o que nestes momentos é de enorme transcendencia”, afirmou Feijóo, para quen a “España iría moito mellor cos valores desta asociación que cos que ten o Goberno de España”. Tras lembrar que durante os catorce anos que estivo á fronte do goberno galego nunca sentiu alleo aos problemas de Asturias e sempre pensou que se lle ía ben ao Principado iría ben a Galicia, reafirmouse en que cre nun Estado das autonomías que sexa garantía de igualdade.

A insignia que recibiu o presidente andaluz é unha mostra, engadiu, da España na que cre, na que a pluralidade serve para enriquecerse mutuamente e é fonte de oportunidades porque “non ten sentido sementar discordia entre comunidades autónomas, tentar enfrontalas para sacar rédito político, partidista ou electoral”. “Non ten sentido crear artificialmente comunidades de primeira e de segunda”, engadiu o presidente popular, que afirmou que Moreno Bonilla gañouse por dereito propio ser un dos “políticos máis influentes, coñecidos e recoñecidos de España polo que fixo, e o que fixo foi gobernar a comunidade autónoma máis grande sabendo que o seu compromiso é tamén co conxunto do país”.

Cambio político
Como presidente do PP, mostrouse especialmente orgulloso da historia de progreso real que está a gozar Andalucía, territorio líder do crecemento e de investimento estranxeiro en España, e que se converteu nun dos lugares onde a maioría da xente quere vivir, tamén miles de cidadáns de todo o mundo, “e non é froito dun milagre, responde a un cambio en valores, comportamentos e prioridades”.

“É importante o cambio político, pero o cambio non é só cambiar ao PSOE polo PP, foi cambiar a resignación pola ambición, o estancamento pola reforma constante, a demagoxia pola apertura, o acougo e a serenidade, e foi cambiar tamén as corruptelas pola honestidade”, subliñou o líder popular, para quen o presidente andaluz representa todo iso: “o cambio, a reforma estrutural, a honestidade política e o compromiso do conxunto dos españois”.