Silleda | A Ría da Estrela estará presente do 30 de maio ao 2 de xuño na Feira Internacional de Galicia Abanca, evento ao que leva acudindo dende 2017 de maneira ininterrumpida.
Durante os catro próximos días, os dous stands da Ría da Estrela estarán a disposición dos máis de 100.000 persoas que visitan cada ano os distintos certames da feira silledense, entre os que se atopan milleiros de profesionais do sector turístico: touroperadores nacionais e internacionais, axencias de viaxes, empresas de servizos turísticos, medios especializados…
A maiores, os responsables da Ría da Estrela teñen programados varios encontros con touroperadores nacionais e internacionais interesados no potencial turístico da comarca, no marco do Workshop de profesionais da Feira. Dende a asociación porán en valor tanto os valores gastronómicos, patrimoniais, culturais e relixiosos da comarca, como o carácter especial das persoas, unha calidade humana que é un dos valores diferenciais da Ría da Estrela.
Durante o acto de inauguración desta mañá, o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, aproveitou para visitar o stand da Ría da Estrela, acompañado polos conselleiros de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo; de Emprego, Comercio e Emigración, José González; e do Medio Rural, María José Gómez; así como polo director de Turexpo, Ricardo Durán.
Un salón ao que tamén asistiron a vicepresidenta da ARD Ría de Muros Noia e alcaldesa de Muros, María Lago; o alcalde de Porto do Son, Luís Oujo; e a concelleira de Turismo de Outes, Soledad Agra.
Dous stands en Turexpo e Festur
A Ría da Estrela está representada en Silleda con dous stands: un no Salón Turístico de Galicia (Turexpo Galicia) dedicada á nova imaxe da Ría da Estrela e outra na Feira de Festas de Interese Turístico (Festur) centrada nas Carrilanas de Esteiro, Festa de Interese Turístico Nacional.
O stand de Turexpo Galicia segue a liña marcada en FITUR 2024, promovendo a nova marca do destino “Ría da Estrela”, un deseño alegre, empático, amable, optimista e cheo de cor, cunha estrela de cinco puntas en referencia aos cinco concellos que a compoñen (Lousame, Muros, Noia, Outes e Porto do Son) e cuxos bordes atenuados representan a suavidade da ría e o carácter amable das súas xentes.
Nesta ocasión, o stand estará presidido por unha lona xigante con fotografías submariñas de Xaime Beiro que de seguro sorprenderán aos visitantes polo seu colorido. A maiores, no lateral da caseta haberá un gran mapa turístico de 9 metros cadrados que amosará os elementos patrimoniais máis destacados da ría. De forma complementaria, unha pantalla de televisión emitirá en bucle pequenos vídeos promocionais dos atractivos da comarca.
O segundo stand estará dedicado a promover as Carrilanas de Esteiro, Festa de Interese Turístico Nacional que terá lugar do 19 ao 21 de xullo en Muros. Un evento que este ano celebrará a edición número 36 do gran premio de carrilanas, onde estes bólidos artesanais baixan a gran velocidade pola costa de O Maio cubrindo un circuíto duns 2 quilómetros de lonxitude. O formato da competición, que lembra ao dos grandes bólidos de carreiras, atrae cada ano a milleiros de persoas e trátase dunha tradición na que cada vez participan máis veciños de Muros e mesmo de municipios próximos.
Na tarde do sábado 20 de xullo desputarase a “pole position” e definirase a orde de saída de cada competidor na proba do domingo. Haberá tres versións da carreira: unha infantil, outra para as carrilanas de maior tamaño (na que se premia a orixinalidade do vehículo) e o tradicional Gran Prix de Carrilanas coas máis rápidas e que requiren máis habilidade para a súa condución. Unhas carreiras complementadas por un festival musical con verbenas nocturnas, actuacións folclóricas e degustacións gastronómicas.