Oviedo | Alfonso Rueda, presidente da Xunta, agradeceu hoxe á colectividade galega en Asturias o seu compromiso por manter os lazos de unión entre ambas comunidades.
Así o salientou en Oviedo, onde participou na celebración do Día de Galicia en Asturias, acompañado polo conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González que días antes estivo no Lar Galego de Avilés.
Rueda manifestou que “tiña que estar aquí” dada a importancia de “recordar un día ao ano o que supoñen Galicia e Asturias”, a unión de dúas comunidades que ten “un valor moi importante que temos que coidar”.
O presidente da Xunta resaltou as fortes conexións que hai entre as dúas comunidades, as oportunidades conxuntas que existen e que “chegar a acordos entre as institucións” é posible por enriba das diferentes ideoloxías políticas.
O titular do Executivo autonómico apuntou ao Camiño de Santiago coma un exemplo de estreitamento de lazos entre ambas comunidades, sinalando que a aposta decidida do concello de Gijón “está dando os seus froitos” na melloría das cifras de peregrinos que pasan por Asturias.
O Día de Galicia en Asturias é un dos actos centrais dunha serie de celebracións que cada ano organiza a Asociación Día de Galicia en Asturias, que preside desde fai 29 anos Manuel Fernández Quevedo ourensán de Loureiro (Nogueira de Ramuín), para honrar todo o que une ás dúas comunidades. En consecuencia, o presidente da Xunta agradeceu o bo facer de asociacións como Día de Galicia en Asturias e “en especial a labor do seu presidente, Fernández Quevedo”.
O colectivo galego entregou as insignias de ouro e os carnés de socios de honra a Adrián Barbón, presidente do Principado de Asturias e a María del Carmen Moriyón Entrialgo, alcaldesa de Gijón nun acto celebrado no Hotel Reconquista. Cun xantar oficial remataron o actos de celebración da XXIX edición que organiza a devandita asociación.
En días anteriores celebrouse o tradicional encontro empresarial astur-galaico na Cámara de Comercio de Oviedo onde foron homenaxeados os responsables de quince empresas asturianas e galegas. No Colexio Oficial de Médicos, o colectivo galego agasallou á Policía Nacional con motivo dos douscentos anos do Corpo. Desde o día 6 ata este domingo día quince estivo aberta na rúa Picasso unha carpa para a degustación de produtos galegos, con queimada incluida.
Nas fotos Alfredo Canteli, alcalde de Oviedo, Adrián Barbón, Alfonso Rueda, María del Carmen Moriyón e Manuel Fernández Quevedo. Rueda dirixíndose ao público asistente ao acto de entrega das insignias de ouro no Hotel Reconquista.