O presidente do Principado de Asturias e a alcaldesa de Gijón, homenaxeados polos galegos

A asociación Galicia en Asturias entregaralles a insignia de ouro e os carnés de socios de honra

Aldea Global | Adrián Barbón, presidente do Principado de Asturias e María del Carmen Moriyón Entrialgo, alcaldesa de Gijón, recibirán o domingo día 15 de setembro as insignias de ouro e os carnés de socios de honra por parte da Asociación Día de Galicia en Asturias. O acto será no Hotel Reconquista de Oviedo ás 12,45 antes do almorzo oficial co que rematarán os actos que o colectivo galego celebra desde o día 6 deste mes, cumprindo XXIX anos.

Na rúa Picasso está aberta a carpa con postos para a degustación de produtos de Galicia e Asturias e na que se despachan almorzos e ceas. Na noito do sábado 14 haberá una gran queimada de balde co seu respectivo conxuro.

O venres día 13 será o encontro empresarial astur-galaico na Cámara de Comercio de Oviedo ás 13 horas. Doce empresas de Asturias e Galicia serán homenaxeadas pola súa contribución a economía das dúas comunidades.

O sábado día 14 ás 19,30 horas será a homenaxe á Policía Nacional con motivo dos douscentos aniversario do Corpo, no salón de actos do Colexio Oficial de Médicos, na Praza de América. A parte musical correrá a cargo Antonio Barrios acompañado da pianista Ialma, e de Carmen Cuevas Iglesias a nena de La Voz Kid. Esta cantante, de doce anos, reside actualmente en Ourense onde actuou na sala Auriense en 2023.

Pero a súa carreira artística comezou en O Milladoiro (Ames) de onde é natural, e recibiu clases de canto na Escola Municipal de Música. Na casa cantaba coa sua nai Maite acompañada á guitarra polo seu pai Xesús. No ano 2021, con nove anos, gañou o concurso musical “Canta con Ames”, organizado polo Concello. Carmen Cuevas participou, en 2024, no concurso La Voz Kids de Antena 3 televisión.

A programación deste ano do colectivo galego en Asturias rematará o domingo día 15. Ás 11 da mañá na catedral de Oviedo celebrarase unha misa cantada pola soprano asturiana, de Mieres, Tina Gutiérrez. Posteriormente no Hotel Reconquista entregaránse as insignas de ouro e carnés de socios de honra e seguidamente servirase o xantar oficial no restaurante do Hotel co que rematarán os actos.

Manuel Fernández Quevedo, presidente do colectivo galego, lembra que foi no ano 1995 cando “un grupo de bos amigos namorados da nosa querida Galicia tivemos a idea de fundar unha entidade que reforzase aínda máis a unión e irmandamento da terriña con este Principado”. Alfredo Canteli, alcalde de Oviedo, subliña que “galegos e asturianos compartimos moito máis que o mero feito de pertencer a dúas terras fronteirizas. Temos problemas similares aos que en moitas ocasións tratamos de dar solución de forma conxunta. Compartimos sentimentos, tamén inquietudes.”

Nas fotos, Adrián Barbón, María del Carmen Moriyón e Tina Gutiérrez.