Ponteareas | As rúas de Ponteareas volveron un ano máis a cubrirse de alfombras de flores para honrar ao Corpus Christi que procesionou sobre elas. Neste primeiro ano logo da súa declaración como Ben de Interese Cultural no apartado de patrimonio Inmaterial, o número de alfombras situouse nun total de 29, cubrindo máis de 800 metros lineales e preto de 4.500 metros cadrados de rúas e prazas da vila.
A cita anual con esta Festa de Interese Turístico Internacional deu comezo na tarde
do día anterior co debuxo dos deseños das alfombras e posterior perfilado para rematar case 12 horas despois, logo de toda a noite e xa de madrugada, coas rúas
cubertas de flores, nun labor no que participan persoas de todas as idades.
Os actos oficiais da xornada deron comezo coa recepción de autoridades na casa
do Concello e posterior misa solemne cantada. Unha vez rematada e xa no exterior,
a alcaldesa Nava Castro e o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, recibiron a partitura orixinal da Marcha Procesional de Corpus Christi de Ponteareas, composta ex profeso por Xosé Luis Foxo, director da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, que interpretou a peza coa que deu inicio a procesión.
A Custodia do Corpus Christi percorreu preto de 1’5 quilómetros polas rúas e prazas
tapizadas con alfombras florais de vistosos deseños, acompañada pola Banda
Cristo de la Victoria de León, e con parada nos cinco altares dispostos ao longo do
percorrido. Ao seu paso, a Custodia foi recibida coa tradicional chuvia de pétalos de
flores desde os balcóns.
Este ano estiveron presentes delegacións doutras localidades con tradición similar e
que elaboraron as súas alfombras como é o caso de La Orotava, cidade irmandada
con Ponteareas desde 1983 e que acode á cita desde vai xa 40 anos. Tamén as
cidades portuguesas de Monçao, Viana do Castelo e Caminha, ás que se uniu a
alemana de Offenburg- Bohlsbach, na súa primeira visita.
Os actos na honra do Corpus Christi rematarán mañá luns coa misa na honra das
persoas alfombristas falecidas e sufraxio por Lorenzo Olarte, ponteareán que foi
presidente de Canarias entre 1988 e 1991 e finado o pasado mes de febreiro e
posterior ofrenda floral. A cita final será a entrega das medallas de Corpus Christi no
Auditorio Municipal Reveriano Soutullo aderezado polo concerto de Amancio Prada.