O primeiro instituto público do Pereiro de Aguiar a licitación

Colexio CEIP Plurilingüe Ben-Cho-Shey será ampliado

O Pereiro de Aguiar | Román Rodríguez, conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, e alcalde do Pereiro de Aguiar, Luís Menor, anunciaron a licitación da redacción do proxecto para construír o que será o primeiro instituto público deste concello ourensán, que suporá un investimento de máis de 9M€. A previsión inicial é que o centro, que terá capacidade para 320 alumnos, abra as súas portas para o curso 2026/27.

“Con esta nova actuación, damos resposta á crecente demanda de prazas neste concello, evitando que o alumnado se teña que desprazar a Ourense, como ocorre neste momento, para cursar ESO e Bacharelato”, sinalou o responsable de Educación do Goberno galego.
Román Rodríguez explicou que este compromiso deriva do protocolo asinado co Concello do Pereiro de Aguiar o pasado mes de decembro para ampliar o Colexio CEIP Pluriingüe Ben-Cho-Shey e para estudar as posible vías de implantación da Educación Secundaria no municipio.

“Como facemos sempre cando hai que tomar unha decisión deste tipo, analizamos os datos demográficos do concello e, ao comprobar que rexistran un constante crecemento nos últimos anos, optamos por construír un instituto”, explicou o conselleiro, indicando que se prevé un incremento de arredor de 200 alumnos no ensino secundario obrigatorio nos vindeiros cursos.

Prazos
A redacción do proxecto licítase hoxe mesmo, coa previsión de poder licitar a obra (unha vez entregado e supervisado o proxecto) arredor do mes de xullo de 2025. Deste xeito poderíanse iniciar os traballos de construción no último trimestre de 2025.

O investimento previsto supera os 9M€ e o prazo de execución das obras, segundo as estimacións iniciais, será de 18 meses. O instituto contará con aulas para oito grupos de ESO e catro de Bacharelato. Para a súa edificación, o Concello cederá á Consellería unha parcela de 20.000 m².

Á espera do que se concrete no proxecto, o centro disporá dunha superficie útil de 3.276,4 m². Ademais das devanditas 12 aulas para ESO e Bacharelato, contará con aulas de apoio educativo e desdobres, así como outras específicas para música, tecnoloxía, plástica, laboratorios, seminarios…. Tamén albergará un espazo aberto e multifuncional de foro, seguindo os parámetros do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, biblioteca, ximnasio, aseos vestiarios, tanto estándar como adaptados.

A área de administración contará con todos os espazos necesarios para o cadro de profesorado e equipo directivo e, ademais, dotarase o edificio dun local para cafetería.

Ampliación do colexio
A construción do primeiro instituto do Pereiro de Aguiar súmase ao compromiso xa adquirido o decembro pasado para ampliar o Colexio CEIP Plurilingüe Ben-Cho-Shey, neste mesmo municipio, co obxectivo de dar cabida á matrícula crecente en Educación Infantil e Primaria. Actualmente está en fase de redacción o proxecto básico e a intervención está entre as prioridades para o ano 2025. A ampliación do colexio engadirase ao conxunto de melloras das que xa foi obxecto o centro nos últimos anos cun investimento de máis de 1,2M€ por parte da Xunta, entre as que destaca a ampliación realizada no 2013 por case medio millón de euros.