O problema da vivenda.

Xosé Coello

E moi difícil amañar que todo o mundo dispoña dunha vivenda digna, mais sí que se poden tomar medidas que melloren moito a situación actual.

“A competencia en vivenda está perfectamente transferida ás comunidades, porqué é moi diferente a solución que se pode dar en unhas ou outras”

A competencia en vivenda está perfectamente transferida ás comunidades, porqué é moi diferente a solución que se pode dar en unhas ou outras. As leis universais, que tanto pregoan dende os medios de comunicación madrileños non valen; por exemplo dicir que fai falla construír centos de miles de vivendas, esta ben para algunha cidade, mais as axudas para esa construción, que as pague esa cidade ou a autonomía e non o Estado porque en lugares como Galicia existen miles de casas valeiras, non so nas aldeas e vilas senón tamén nas cidades. Polo tanto en Galicia e absurdo facer vivendas novas, salvo nalgúns lugares especiais, cando é a comunidade que ten máis vivendas non utilizadas.

Para evitar que esas vivendas estean valeiras, que é un grave problema para moitos lugares, unha proposta razoable sería subir o IBI para esas vivendas, -medindo os consumos de auga e electricidade non é moi difícil comprobalo-, e para que non se vexa que é so unha medida recadadora, pódese baixar, coa maior parte de esa recadación, o IBI das vivendas ocupadas. Isto pódeno facer perfectamente os Concellos coa colaboración da Xunta.

Tamén deberíanse incrementar e simplificar as axudas para a rehabilitación. As vivendas xa construídas, aínda que estean valeiras, en xeral dispoñen de tódolos servizos, pola contra para construílas novas, fai falla un enorme gasto para dotalas de servizos.