Pontevedra | O programa “Bosques Terapéuticos”, co que a Deputación de Pontevedra está a promover actividades baseadas na terapia oriental shinrin yoku ou “baño de bosque”, chega esta fin de semana aos concellos de Poio e Meis con dúas novas rutas nas que se mestura natureza, cultura, historia e saúde.
Así, as persoas participantes percorrerán o sábado a Illa de Tambo, mentres que o domingo terá lugar a ruta da Pedra e da Auga.
O itinerario da Illa de Tambo, de 2,5 quilómetros de lonxitude, desenvólvese por un enclave natural e histórico cheo de espazos para desfrutar dos baños de bosque. Esta illa, de 28 hectáreas e unha altitude de 80 metros, é un espazo especial para encontrarse con elementos naturais como a praia Area Grande ou o sistema dunar.
As e os participantes no percorrido tamén poderán visitar construcións singulares como os taffonis, o faro, o lazareto, o albergue, o polvorín ou os peiraos da illa.
Pola súa banda, a Ruta da Pedra e da Auga é unha das sendas máis visitadas das Rías Baixas e descorre polos concellos de Meis e Ribadumia na contorna do río Armenteira. Conta cunha ampla representación da flora autóctona ao longo do seu percorrido. Ademais das especies vexetais, as persoas participantes tamén terán a oportunidade de ver os muíños, o mosteiro de Armenteira e descubrir a lenda de San Ero.
Os Bosques Terapéuticos do mes de xullo rematan os días 29 e 30 con camiñadas pola ponte colgante do Lérez e a fervenza do Toxa, se ben as prazas están xa todas esgotadas. Tamén están cubertas as prazas de agosto, con percorridos que comezarán o día 5 pola Ruta da Pedra e da Auga e continuarán o 6 pola Illa de Tambo, o 12 polo Lago de Castiñeiras, o 13 na Carballeira de San Xusto, o 19 polo Río Eifonso e para finalizar, o domingo 20 de agosto, pola ponte colgante do Lérez.