O Covelo | No marco do programa Covelo Cóidate o Concello de Covelo convida a participar na charla sobre prevención e detección precoz do virus do papiloma e autoexploración e cribado de mamá que terá lugar o luns día 13 de maio ás 17 horas no auditorio municipal.
Dentro da súa estratexia de ofertar unha programación de formación estable e continuada da man de expertos, o Concello de Covelo lanzou o programa “Covelo Cóidate” baixo o que se ofertará formación e información sobre saúde e prácticas saudables.
Nesta ocasión será a enfermeira do centro de saúde local, Andrea García, e a enfermeira da ESAD, Eva Solla, as que impartirán a charla. O Concello agradece a colaboración do persoal do SERGAS na mellora do día a día da veciñanza.
“Como xestores o grupo de goberno está sempre aberto a recoller as inquedanzas e necesidades das nosas veciñas e veciños. Está nas nosas mans procurar mellores servizos públicos, ferramentas e recursos que faciliten o seu día a día e incluso que o melloren. Por iso traballamos en continua colaboración con asociacións, colectivos e administracións para chegar a acordos e sen saír do noso concello atopar o que precisamos”, explica o alcalde, Pablo Castillo.
En colaboración cos distintos recursos locais e establecendo convenios con institucións e organizacións de toda Galicia, o Concello de Covelo traballa a diario para que a súa veciñanza poida ter unha mellor calidade de vida. Entre algunhas das iniciativas que o Concello ofrece de balde está a de aprender a calquera idade e sen afrontar desprazamentos.
Por este motivo e baixo distintos programas e iniciativas o Concello de Covelo deseña da man de expertos e profesionais cursos de formación para o emprego, seminarios para séniors impartidos pola Universidade de Vigo e charlas dirixidas ao autocoñecemento, a cultivar unha vida saudable e a previr posibles doenzas. Deste xeito, o día 14 tamén co persoal sanitario do centro de saúde local afondarán no etiquetado de alimentos e compra saudable.
A estas actividades súmase a oferta de cursos de formación para a inserción laboral enmarcados no Plan de Formación do Concello de Covelo e as propostas culturais para o tempo de lecer así como a programación anual de roteiros guiados que promoven unha vida activa e o coñecemento do patrimonio medio ambiental e histórico.
Aberta inscrición da Escola de Verán
O Concello de Covelo informa que dende hoxe día 10 ata o vindeiro día 21 de maio estará aberto o prazo de inscrición para participar na Escola de Verán que organiza o Concello da man do programa Corresponsables do Ministerio de Igualdade do estado español e da Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia. A Escola de Verán desenvolverase en horario de 08.00-14.00 horas, de luns a venres, dende o día 3 ó 31 de xullo de 2024
Co obxectivo de axudar a conciliar a vida familiar e laboral, a Escola de Verán abre as súas portas a nenas e nenos de 3 a 13 anos. Para obter máis información deberán contactar no número de teléfon 986 65 00 27, extensión 3 ou no correo electrónico servizossociais.covelo@fegamp.gal. As bases pódense consultar na páxina web do concello https://www.concellodecovelo.es/archivos_editor/file/20240509_Outros_DECRETO APROBACIÓN BASES ESCOLA DE VERAN 2024.pdf
O vindeiro 24 de maio o Concello procederá a publicar a listaxe de nenas e nenos admitidos e o pagamento deberá formalizarse entre o 31 de maio e o 7 de xuño. O prezo para as persoas empadroadas será de 20 euros e para non empadroadas de 40€. Formulario de inscrición.