Ourense | O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou a asesoría de empresas D3 Gestión, S.C. beneficiaria de dúas liñas de axuda do programa Emega, a liña Activa e a Concilia, cunha partida de 21.000 euros ao xerar 5 postos de traballo; 3 por conta propia e 2 por conta allea.
Tamén estivo presente a responsable da iniciativa Deseño e fabricación de xoiería en 3D, beneficiaria da liña ITEF deste mesmo programa cunha achega de 27.000 euros pola contratación de dúas persoas, unha por conta propia e outra por conta allea de xeito indefinido.
O delegado territorial informou que na convocatoria do programa Emega para 2021, a Consellería de Emprego e Igualdade destinou á provincia de Ourense 447.000 euros que deron lugar a 32 iniciativas que empregaron a 72 mulleres.
Catro liñas de actuación integran o programa Emega. A liña Emprende, destinada a posta en marcha de novas empresas por parte de mulleres desempregadas; a liña Activa, que busca a reactivación e consolidación de proxectos empresariais garantindo ou incrementando os postos de traballo da empresa; a liña ITEF, para a posta en marcha de novas iniciativas empresariais de carácter innovador no eido da investigación e da tecnoloxía; e a liña Concilia, complementaria das tres anteriores, que ten por obxecto favorecer a conciliación da vida laboral, persoal e familiar tanto das promotoras como das persoas traballadoras ao seu cargo.
A contía dos apoios para todas estas liñas vai dos 8.000 euros aos 42.000 e ten en conta o número de postos de traballo (de un a máis de catro) ocupados por mulleres nestas empresas.
Incremento de incentivos
Na convocatoria de 2021, Emega segue a adaptarse ao contexto de pandemia, para minimizar os efectos da covid-19 entre as novas emprendedoras e as beneficiarias. Por este motivo realizouse un incremento lineal de 2.000 euros en todos os incentivos, coa finalidade de chegar a maior número de empresarias e favorecer un emprendemento máis sólido e continuado no tempo.
Para resultar beneficiarias do programa Emega, as mulleres emprendedoras deberon cumprir, entre outros, o requisito de liderar unha microempresa ou pequena empresa validamente constituída; estar domiciliadas en Galicia; ter vinculación laboral co negocio e estar de alta na Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional e presentar proxectos con viabilidade económica, técnica e financeira.
O pasado 2020 o programa contou cun orzamento de 2,1 millóns de euros, o que permitiu apoiar a cifra récord de 197 iniciativas empresariais de mulleres e a creación ou mantemento de 323 postos de traballo femininos. Este 2021, o presuposto da convocatoria ascende a 3.267.251 euros, o maior orzamento da historia deste programa. Desde 2009, o Goberno galego leva investidos cerca de 11 millóns de euros no programa Emega, contribuíndo deste xeito ao nacemento de 900 proxectos empresariais femininos que permitiron crear 1.416 postos de emprego para mulleres.