Pontevedra | O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, salientou o avance que supón en materia de formación e inclusión o programa Learn África que se presentou este mércores na sede de UNED en Pontevedra a través do cal estudantes de orixe africana reciben becas para estudar doutorados e mestrados en universidades españolas.
“A educación, a igualdade, a formación, o benestar e o crecemento persoal non entenden de fronteiras nin de cuestións de xénero ou nacionalidade, por iso felicitamos á UNED, á Fundación Mulleres por África e ás máis de 350 mulleres universitarias, de 35 países, que teñen participado neste programa ao longo dos últimos dez anos”, destacou o mandatario provincial durante a apertura deste encontro.
Unha iniciativa que se corresponde coa filosofía de cooperación entre institución que rexe a acción de goberno da Deputación. O lema da Deputación di que tendemos pontes e non pode ser máis acaído para esta xornada, pois supón una ponte triple: para a cooperación institucional entre a administración provincial e a Universidade, para a educación, entre a UNED e as estudantes; e entre para a integración entre a comunidade pontevedresa coas mulleres africanas”, recoñeceu o dirixente provincial.
Neste sentido, o presidente provincial lembrou a colaboración da Deputación coa actividade da UNED, que se plasma en encontros como o Learn África, así como en accións para o fomento do emprego ou o apoio e participación para a organización de diferentes congresos.
Ademais, o presidente puxo en valor a rede de aulas que a UNED ten por toda a provincia, que se corresponde co compromiso municipalista, do goberno provincial.
Rematou Luis López a súa intervención reiterando a vontade da Deputación de colaborar en accións como este programa Learn África, que “é exemplo de xustiza social, de respecto, igualdade e integración”, sinalou para agradecer o labor da UNED e da Fundación Mujeres por África, así como o das mulleres participantes, ás que anima a “seguir mellorando a súa formación e a seguir perseguindo as súas metas”.