Tomiño | Continuando coa liña de actuación impulsada durante o confinamento polo Departamento de Benestar e Educación Familia, o Concello de Tomiño segue apostando por achegar a todos os fogares diferentes recursos e orientación para a crianza dos seus fillos e fillas a través do formato online. Faino co programa ‘Medrando…’, que recolle na web municipal novos servizos impulsados a través de dúas iniciativas diferenciadas por idades, ‘Medrando En Familia’ e ‘Medrando Espazo Xoven’, coas que se busca dar resposta ás necesidades tanto das familias con nenos e nenas na casa como da propia mocidade.
Deste xeito, en ‘Medrando En Familia’ ofrécense pautas e diferentes recursos para a crianza dos máis cativos e cativas da familia non soamente subindo á web contidos en formato vídeo accesibles para todo o público, senón tamén creando unha canle comunicativa directa para solucionar calquera dúbida que poida xurdir no ámbito doméstico da primeira infancia das persoas participantes.
Nestes intres a coidadora infantil encargada de dirixir este espazo atende a unhas 34 familias mediante grupos de WhatsApp divididos por idades, onde se achega información xeral sobre o coidado e apoio para pautas de crianza e acompañamento. Ademais, arredor de 14 familias realizan consultas individuais sobre aspectos máis específicos da crianza dos seus fillos e fillas, como pode ser a xestión de rabechas ou diferentes pautas para a alimentación dos cativos e cativas.
Por outra banda, ‘Medrando Espazo Xoven’ nace como un espazo virtual de achegamento onde se realizan encontros semanais cos rapaces e rapazas de entre 11 e 17 anos inscritos co obxectivo de fomentar habilidades que favorezan a xestión emocional e o desenvolvemento autónomo e grupal de todas e todos estes menores, achegando pautas e orientación en base ás súas inquedanzas e experiencias.
Dende que botou a andar este programa conta coa participación de 8 adolescentes do municipio que se comunican semanalmente coa persoa responsable de dirixir a actividade e que asisten de maneira puntual aos encontros online a través da plataforma Jitsi. Nestes encontros virtuais trátanse temas como o benestar emocional, a identidade e a autoestima, a motivación, propósitos, autonomía e diferentes competencias sociais. Ademais, serve de medio para que todas as e os participantes poidan expresarse libremente e conversar sobre as súas inquedanzas e inseguridades, facilitándolles pautas para enfocar a súa xestión dunha maneira satisfactoria.
Estes programas de apoio seguirán funcionando a través da modalidade online durante este verán, ata que se inicie o curso escolar e a situación sanitaria permita realizar sesións presenciais. A inscrición en calquera destas iniciativas debe facerse enviando un correo electrónico a educacion@tomino.gal.