Avilés | Luís Menor Pérez, presidente da Deputación de Ourense, afirmou hoxe que a dixitalización do ciclo hidráulico en territorio ourensán, a través do proxecto OU-Intelixente: provincia da auga, vai supoñer “un enorme salto cualitativo na xestión dun recurso básico para a vida, con maior eficacia, eficiencia e axilidade á hora de anticipar respostas aos retos do cambio climático”.
Menor Pérez fixo estas declaracións logo de asistir en Avilés ao acto institucional de inauguración das xornadas sobre Xestión Dixitalizada da Auga, organizadas polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico para analizar o impulso do PERTE da Auga, estudando os nove mellores proxectos que acadaron financiamento europeo na primeira convocatoria.
Entre eles, como segunda proposta mellor valorada de España e primeira de Galicia figura o proxecto OU-Intelixente: provincia da auga, presentado ao través da empresa mixta AquaOurense, da que forman parte a Deputación de Ourense e Viaqua. Este plan contará cun investimento de case 13,5 millóns de euros, dos que a institución provincial achegará 5,74 millóns en dous anos.
A este proxecto adheríronse, sen custo algún, 72 concellos e dous consorcios da provincia (Valdeorras e Os Peares). Un interese por parte das entidades locais que, segundo destacou Luis Menor, ratifica a importancia dunha iniciativa de colaboración cos concellos, que porá á súa disposición servizos e infraestruturas punteiras en tecnoloxía”.
O proxecto prevé a dixitalización de 22 sistemas de abastecemento (con 11 estacións de potabilización en 10 entidades locais), 139 estacións de depuración (en 65 entidades locais), a instalación de 63.000 contadores intelixentes (en 75 entidades locais), e a posta en marcha dun Centro Intelixente de Xestión Provincial da Auga.
Estas instalacións centralizarán toda a información obtida en tempo real da xestión da auga, ademais de ser, segundo se formula, un espazo aberto á cidadanía no que transparentar e poñer en valor a importancia dunha axeitada xestión da auga no territorio.
Durante estas xornadas, Luis Menor, acompañado polo director da área de Medio Ambiente, Javier Bobe, tivo a oportunidade de compartir detalles do proxecto con Victor Comesaña, director de AquaOurense; Nicolás Esmorís Cendón, director executivo de Galicia de Viaqua, e Javier Díez, responsable zona centro e norte do Grupo Agbar.
Recepción no Concello de Avilés
Tras asistir á inauguración das xornadas, Luís Menor trasladouse ao Concello de Avilés, onde foi recibido pola alcaldesa, Mariví Monteserín, que tamén participoiu no acto de apertura do encontro. No consistorio, o presidente provincial e a rexedora compartiron as experiencias de ambas institucións na xestión dos servizos do ciclo hidráulico a través da cooperación público-privada.
Tamén analizaron as perspectivas que se abren cos PERTE de ambos organismos (D’Agua é o nome do proxecto de Avilés). De feito, neste PERTE participaron os municipios da área metropolitana de Avilés e está centrado na mesma liña que o da Deputación: a dixitalización de todo o ciclo hidráulico e un centro de xestión para “a gobernanza da información e o dato”.
Nas fotos, acto institucional de inauguración das xornadas sobre Xestión Dixitalizada da Auga, e visita á Alcaldía de Avilés coa rexidora Marivi Monteseirin como anfitriona.