O PSdeG aposta pola creación dunha empresa municipal de vivenda en Ourense

Paco Rodríguez critica unha cidade convertida en “meme” durante o último goberno de Democracia Ourensá

Ourense | O PSdeG-PSOE de Ourense presentou esta mañá, ante os medios de comunicación, as ideas estrela do programa electoral co que desexa acadar a confianza dos cidadáns nas vindeiras eleccións municipais do 28 de maio. Programa que foi dirixido pola comisión executiva municipal e ideado e redactado logo de incorporar aportacións da militancia e de diferentes colectivos e sensibilidades sociais.

Natalia González, actual secretaria xeral e voceira municipal do partido, destacou que foi un “traballo intenso” realizado nos últimos meses. “Contamos con moitos colectivos veciñais, sociais e culturais da cidade e é ambicioso, renovado e para gobernar o Ourense do futuro”, puntualizou e engadiu que o programa estará a disposición de quen queira consultalo nos vindeiros días por medios electrónicos.

O candidato á Alcaldía, Paco Rodríguez, sinalou que o resultado é realista, responsable e moi ambicioso tendo en conta o potencial desaproveitado da cidade co último goberno. “Con este programa comprometémonos coa cidadanía dicindo quen somos, que queremos e a onde pretendemos chegar, explicando a nosa folla de ruta para os próximos catro anos”, afirmou.

“A cidade converteuse nun meme e a crónica nacional sobre ela foi degradante en tódolos telexornais para os que vivimos na mesma. A educación e a tolerancia foron atropeladas polo insulto, descualificación e a indixencia intelectual”, sinalou aos medios de comunicación. E isto, insistiu, interpela directamente ao Partido Popular porque “elixiu a este alcalde, gobernou con este alcalde e mantivo no cargo a este alcalde”. Neste liña, emprazou ao PP a un “pacto de claridade e de cidade”.

No eido das medidas, subliñou que a vivenda é un dos dereitos constitucionais polos que máis traballará o PSdeG-PSOE, se goberna a partires das vindeiras eleccións, porque a Administración local non se pode poñer de perfil nesta problemática. “Queremos promover un marco de colaboración cos operadores públicos e privados para desenvolver unha política de vivenda protexida e a creación dunha empresa municipal de vivenda. O noso casco histórico ofrece moitas posibilidades para a súa rexeneración servindo, a vez, para vivendas para a xente moza. Pero tamén outros barrios como Mariñamansa ou A Ponte se atopan na mesma tesitura”, expuxo o candidato.

Sobre esta última zona, lembrou que un dos obxectivos é recuperar o acordo de 2011 con Adif para executar, nuns prazos razoables, o proxecto de 800 vivendas que se prevían na contorna da estación. Así mesmo, destacou a intención de elaborar un novo plan de integración urbana da Alta Velocidade para que a intermodal sexa “motivo de orgullo para tódolos ourensáns”.

Entre as iniciativas do programa atópanse algunhas de rápida aplicación -a curto prazo- e outras que abranguen un horizonte máis amplo, como que Ourense chegue a ser Capital Europea da Cultura 2031 co plan “Auria 2031, cultura e auga” e a construción dun padroado para conseguilo. No ámbito cultural inclúese un proxecto de recuperación de espazos degradados -da zona vella e dos demais barrios- a través da arte urbana, apostando polo talento e creatividade local.

Tamén se aborda que o PSdeG-PSOE restitúa a Universidade Popular de Ourense (UPO) e o servizo público que viña ofrecendo na formación en diversos ámbitos para a poboación. Búscase a dignificación da institución con dependencias óptimas e de calidade e a dotación de medios humanos e materiais.

En canto a outra das grandes riquezas da cidade de As Burgas, entre as medidas que a formación plantexa está a creación dun bulevar termal para lograr que os preto de catro quilómetros da marxe dereita do río Miño conten con amplas zonas arboradas para o ocio e desfrute, carril-bici e aparcadoiros. Preténdese con elo non só mellorar a calidade de vida dos cidadáns, senón tamén ofrecer novas oportunidades laborais e económicas que este polo de atracción pode supor.

A axenda verde 2030, un plan de mobilidade sostible ou a apertura ao público das prazas de abastos son outras das medidas recollidas nas que se afondarán as próximas semanas. “Estamos preparados. Temos candidato, candidatura e programa para gobernar esta cidade a partir do 28 de maio”, valorou a secretaria xeral.

Paco Rodríguez tamén abordou outros asuntos como a necesidade dunha urxente adxudicación de servizos que están en precario ­–como a auga ou transporte- urbano o que supón un coste elevadísimo para as arcas municipais e unha cobertura deficiente das necesidades actuais dos cidadáns.

Pokémom
Preguntado polo recente arquivo do caso da Pokémon que continuaba aberto contra el, respondeu que “a xustiza, cando tarda tanto, deixa de ser xustiza” e que garda sentimentos encontrados polo sufrido a nivel persoal durante estes once anos, pero tamén polo atraso que supuxo para a cidade.

“O dano feito é imposible reparalo. Alguén dubida de que a situación de Ourense sería a mesma que é agora cando naquel momento existía un goberno compacto coa implicación de tódolos sectores sociais?”, afirmou.

Sobre o bono comercio dixo que non o pedíu e lamentou que non se outorgase dun xeito máis redistributivo. “Hai moitas persoas que o están a pasar moi mal e que lles falta case de todo. Tivemos un inverno moi duro e ese cartos podían terse invertido de tal modo que os máis necesitados non pasasen fame e frío. Porque, ao final, se repartes os cartos entre a xente con necesidades, teñen que ir aos comercios a mercar igualmente”, finalizou.