Lugo | O PSdeG de Lugo presentou unha única lista paritaria para as súas eleccións primarias. A nova executiva local elexida integra a vinte persoas, mantendo a oito dos seus membros actuais, entre eles a secretaria xeral, Ana González Abelleira, e o secretario de organización e acción electoral, Miguel Ángel Crende, e renova a outras 12 persoas.
Entre as caras novas destaca a presencia de Paula Alvarellos, tenenta de alcaldesa de Lugo, que será a presidenta; Pablo Permuy, que entra como vicesecretario xeral e portavoz, e o parlamentario Luis Álvarez, como secretario de Relacións Institucionais.
Veteranos tamén en xestión son Manuel Núñez, Rosana Rielo e Sonia Méndez, todos eles ex concelleiros en Lugo. E destaca tamén a mocidade coa presenza de Hugo Ucha, Alba Lozano e Alejandro Trashorras, que levarán temas de Comunicación, Xuventude e Educación, así como Vanesa Quiroga, secretaria de Medio Rural e Reto Demográfico.
A executiva, segundo sinala Ana González, “reflicte o fortaleza que posúe o socialismo en Lugo ao integrar a experiencia de persoas de recoñecida traxectoria política e de solvencia de xestión con novos valores que, xuntos, son a maior garantía da solidez e da proxección do proxecto de progreso que levamos desenvolvendo desde hai case 23 anos no noso municipio”. A executiva, “moi representativa da veciñanza plural de Lugo”, amplíase con oito secretarías máis para potencia as áreas “do Lugo de presente e futuro no que estamos a traballar, dándolle un importante pulo á sostibilidade e a transición ecolóxica, así como ao desenvolvemento económico e a creación de emprego, áreas nos que o municipio está xa activando iniciativas pioneiras e de vangarda”.