Ourense | O PSdeG-PSOE de Ourense vén de celebrar o seu Comité Provincial en Santa Cruz de Arrabaldo onde se animou á militancia a erixir ao partido socialista no “referente político” da sociedade ourensá. Durante o comité ratificouse por unanimidade os cambios na Comisión Executiva Provincial co obxectivo de “fortalecer” o partido, procedeuse a lectura do informe do secretario xeral provincial e abriuse unha quenda de intervencións entre os asistentes.
Despois duns resultados electorais que se afastaron do esperado nos últimos procesos electorais, o secretario xeral do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, animou á militancia do partido a “traballar con máis intensidade que nunca para recuperar a confianza da cidadanía e a erixir ao PSdeG-PSOE no referente político da provincia de Ourense”.
O secretario provincial das e dos socialistas ourensáns destacou na súa intervención que “ningunha outra forza política posúe a historia nin o legado de valores democráticos e conquistas sociais do PSOE”. Neste senso, Rodríguez Villarino tamén subliñou que “non hai un partido que teña contribuído tanto a mellorar dereitos e liberdades” e apuntou que o partido socialista “non ten parangón respecto das dereitas na procura da xustiza social”.
Segundo explicou Rafael Rodríguez Villarino “o goberno progresista actual foi quen de afrontar a maior pandemia do último século sen deixar a ninguén atrás”. O líder dos e das socialistas ourensás apuntou neste senso que “fíxoo apoian ás familias, aos pensionistas e ás persoas vulnerables, creando fórmulas innovadoras na educación e nos ámbitos laborais e de conciliación familiar, mellorando a estabilidade e a igualdade no emprego, ampliando e modernizando as infraestruturas, rescatando ao emprendemento”.
Como resultado destas medidas, e a pesares das dificultades desta etapa histórica, “optimizouse o benestar social, e disponse dunha economía que medra máis ca do resto de países da Unión Europea”, sentenciou Villarino.
O secretario provincial advertiu durante a súa intervención que esta historia de éxito “estase ensombrecendo polo clima de confrontación creado polas dereitas, que manipulan a opinión pública con discursos falaces, polo que se require intensificar o contacto coa cidadanía e xerar espazos de diálogo e debate que poñan en valor a utilidade social do PSOE”.
O PSdeG-PSOE de Ourense desenvolverá un intenso programa de accións locais, comarcais e provinciais dirixidas a mobilizar as bases do partido, difundir exemplos de éxito político municipal e xerar espazos de diálogo e debate permanentes coa veciñanza e os axentes sociais. As ideas e proxectos que emanen destes intercambios de visións, incorporaranse ao programa do partido e contribuirán a redefinir e actualizar a súa misión na sociedade ourensá. “Actuando deste xeito, eliminarase a confusión ideolóxica xerada polas dereitas, ilustrarase a valía das políticas progresistas, e situarase ao partido socialista como referente da veciñanza de Ourense”, concluíu o secretario xeral do PSdeG-PSOE.
Cambios na Comisión Executiva Provincial.
O Comité Provincial serviu tamén para ratificar por total unanimidade a incorporación de caras moi coñecidas e referentes do socialismo ourensán a Comisión Executiva Provincial. Deste xeito incorpóranse a executiva o profesor universitario e ex concelleiro do PSdeG-PSOE no concello de Ourense, José Rúas Araújo, que asumirá a secretaría de comunicación.
Tamén se suma o ex concelleiro socialista no concello de Ourense, Javier Rey Rey, que asumirá a secretaría adxunta de organización. Asemade, outra das novas incorporacións será a actual alcaldesa de Maceda, Uxía Oviedo De Dios, quen asume a secretaría de cultura e normalización lingüística.
O PSdeG-PSOE de Ourense tamén reestrutura outras áreas de traballo entre membros actuais da Executiva. Deste xeito, Beatriz Domínguez Blanco asume a secretaría de igualdade, Eva Maldonado González a secretaría de medios e Celso Basalo Gómez a secretaría de función pública e acción sindical.