Ourense | Nos últimos cinco anos de goberno de Jácome desapareceron por completo as concellerías de turismo e termalismo do Concello de Ourense, as políticas de impulso institucional ao proxecto termal nin están nin se lle esperan, as zonas de baño e dotacións públicas en funcionamento, e a disposición da veciñanza e dos e das turistas quedaron reducidas case á metade.
A única proposta en materia turística que puxo sobre a mesa Jácome nestes anos foi trasladar a oficina municipal de turismo á Casa do Concello, feito que non chegou a producirse. Neste período estival e dende hai xa uns meses o coñecido tren turístico das termas deixou de funcionar e segue sen renovarse a flota.
A voceira socialista considera que “o desastre termal deste período provocou que a día de hoxe contemos cun 40% de pozas públicas valeiras e sen funcionamento, coa piscina termal das Burgas pechada ‘sine die’, pendente de informes ‘ad hoc’ para ‘vestir o santo’ da súa futura privatización ou coa fonte do Tinteiro vítima dunha chapuza de obras.”
“Despois dun verán cos nosos recursos e dotacións termais baixo mínimos históricos por culpa do rexedor, a pesar do “boom turístico” experimentado na cidade trala chegada da alta velocidade (no que nada ten que ver o goberno municipal), agora intenta mover o foco do debate prantexando a suposta eliminación da prohibición de sacar fotos nas termas públicas de Ourense e intentar así tapar as vergoñas da súa inexistente e nefasta xestión”, asegura Natalia.
No último pleno ordinario de agosto, dende o grupo municipal socialista “prantexabamos no apartado de rogos e preguntas coñecer se existiría algún tipo de colaboración por parte do actual goberno coa organización e celebración da feira internacional Termatalia e se ía participar ou non o Concelllo de Ourense, dando cumprimento a unha iniciativa plenaria socialista aprobada, na Mesa Termal promovida pola Deputación de Ourense”.
As respostas por escrito recibidas polo socialistas esta semana confirman a falta de vontade política e o desinterese total e absoluto de Pérez Jácome: non participarán novamente en Termatalia e non estarán presentes na Mesa Termal da Deputación, ao entender segundo eles que só serve para dar resposta ás demandas de concellos de menos de 20.000 habitantes. “A nula xestión do goberno de Jácome en materia de termalismo e turismo en Ourense non admite lugar a dúbidas. Os e as socialistas seguiremos a traballar a prol de que Ourense sexa nun futuro próximo e dunha vez por todas a Capital Termal de Galicia”, sosteñen no PSdeG.