Ourense/PSdeG | O PSdeG-PSOE de Ourense “valora accións legais” logo do “demoledor” informe do Consello de Contas, que confirma a existencia dunha “trama de intereses espúreos” baseada nos contratos a dedo de Manuel Baltar. Os socialistas denunciaron que o órgano fiscalizador galego avalou a denuncia rexistrada hai máis dun ano, na que xa detallaban este carrusel de irregularidades nos contratos e subvencións da Deputación.
“Estamos ante un sistema baseado en cadeas de favores a empresas e concellos amigos que viven de Ourense e non por Ourense”
O voceiro, Rafa Villarino, asegurou que “a democracia é unha aparencia nesta deputación baixo a que atopamos unha trama de intereses espúreos” que agora evidencia o Consello de Contas. “Estamos ante un sistema baseado en cadeas de favores a empresas e concellos amigos que viven de Ourense e non por Ourense”, insistiu antes de preguntarse “onde están a pluralidade, o reparto equitativo e a transparencia” das que presume o presidente constantemente.
Villarino tamén destacou que Baltar “tentou enganar ao Consello de Contas culpando a un hackeo informático acontecido en 2020, de non render a conta xeral de 2018”, como si fixeron as outras tres deputacións galegas e o resto de entidades locais, unha “escusa” que o órgano fiscalizador non creu. “Sacaremos á luz todas as cuestións que Baltar ten agochadas”, insistiu.
“Villarino tamén destacou que Baltar ‘tentou enganar ao Consello de Contas culpando a un hackeo informático acontecido en 2020, de non render a conta xeral de 2018”
Pola súa banda, o vicevoceiro, Nacho Gómez, cualificou o documento como “un informe demoledor e contundente que apunta cousas moi graves desde o punto de vista xudicial”, tras recordar que Contas “non é un órgano sospeitoso de facer informes de parte”. Gómez describiu unha “administración impropia deste século”, na que “seguen a caciquear” e onde os “contratos a dedo son a norma”, incumprindo a lei.
“Non permitiremos que Baltar siga mangoneando e corrompendo esta administración pública”, insistiu o deputado antes de recordar que, na Deputación de Ourense, o PSOE “é o único dique para facer fronte a estas cacicadas e sinvergonzonerías” ante outros “silencios sospeitosos”. Tamén advertiu a Manuel Baltar que “non perda o tempo en atacarnos por defender os intereses da veciñanza” porque “non nos vai amedrentar”.
Informe “demoledor”
O informe do máximo órgano fiscalizador galego é demoledor: conclúe que a contratación menor a dedo e sen publicidade é o procedemento ordinario de adxudicación na deputación, superando o 80% do volume contratado en 2018. “Adxudicándose por este procedemento absolutamente todos os contratos do plan provincial de cooperación ás obras e servizos cos municipios”, salienta.
“O informe do máximo órgano fiscalizador galego é demoledor: conclúe que a contratación menor a dedo e sen publicidade é o procedemento ordinario de adxudicación na deputación, superando o 80% do volume contratado en 2018”
“Dos 9,8 millóns de euros contratados, 7,8 foron executados mediante este modelo de adxudicación opaca a dedo, e o 70 % destes concentráronse sempre nas cinco mesmas empresas”, sinalan desde o PSdeG-PSOE en base ao documento, antes de advertir que “indagarán” nas causas reais desta “sospeitosa concentración”.
O Consello de Contas tamén resalta que o procedemento máis empregado para repartir subvencións foi a concesión nominativa a dedo –o 84 % do total–, incumprindo flagrantemente a Lei Xeral de Subvencións na que se ordena que o procedemento ordinario debe ser a concorrencia competitiva. “Non se cumpre coa obriga de publicidade en relación coas subvencións, o que constitúe unha infracción grave da normativa”, denuncia o órgano fiscalizador.
A Deputación de Ourense tampouco cumpriu coa rendición da conta xeral de 2018 que, ademais, presenta defectos graves: “os defectos son de tal magnitude que impiden considerala como rendida”, sinala o Consello de Contas antes de indicar que é a única das catro deputacións galegas nesta situación. En Galicia, 304 concellos, tres deputacións, 18 mancomunidades e seis entidades locais menores cumpriron as obrigas de rendición de contas, pero Baltar non.
Unha denuncia en 2020
O PSdeG-PSOE ourensán denunciou en febreiro de 2020 ante o Consello de Contas esta “grave situación”, a través dun estenso informe dun milleiro de folios no que se detallaba este “reparto a dedo” de millóns de euros “fragmentados de forma presuntamente irregular en 160 contratos menores de obra” entre catro empresas.
“O PSdeG-PSOE ourensán denunciou en febreiro de 2020 ante o Consello de Contas esta ‘grave situación’, a través dun estenso informe dun milleiro de folios no que se detallaba este ‘reparto a dedo’ de millóns de euros”
Daquela xa puxeron en coñecemento do órgano fiscalizador que, por exemplo, ao longo dos últimos cinco anos, 30 millóns foron adxudicados mediante contratos a dedo, sempre ás mesmas empresas.