Vilardevós | O PSdeG-PSOE de Vilardevós vén de asinar un acordo con Interior Galego Vivo para a formación dunha coalición de goberno de cara aos vindeiros catro anos. As e os socialistas confirman que o acordo alcanzado rexerase na súa actividade institucional polos principios de “legalidade e transparencia”, no que o ben público e a legalidade prevalecerán sobre calquera outro interese de tipo “político, profesional, persoal ou familiar”.
PSdeG-PSOE e IGV acordan tamén levar a cabo un programa “común” con presenza das dúas formacións e co obxectivo de “cumprir coa lei de transparencia e as prioridades definidas dos diferentes programas de ambos partidos”. Nos vindeiros días tamén anuncian que se designarán as funcións e competencias que levará cada formación dentro das concellerías que xa foron distribuídas.
As concelleiras socialistas encargaranse das áreas de economía e facenda, política social e mocidade, persoal e réxime interior e urbanismo e infraestruturas namentres que IGV ostentará as áreas de festexos, cultura, deporte, asociacionismo e protección civil, e máis desenvolvemento rural e medio ambiente, con competencias do tractor desbrozadora e incendios.
No acordo alcanzado na tarde de hoxe e que mañá será asinado diante dun notario polas tres concelleiras socialistas, Eva María Pérez Gamote, Marina Lovelace e Elisa Fernández, e polas dúas concelleiras e concelleiros de IGV, tamén se acorda a Alcaldía rotatoria no consistorio.
O PSdeG-PSOE gobernará dende o 17 de xuño de 2023 ata o 2 de marzo de 2026, namentres que IGV farao dende o 2 de marzo de 2026 e ata a constitución da vindeira corporación municipal en xuño 2027. IGV comezará ostentando a primeira tenencia de Alcaldía ata que se produza o cambio de alcaldesa, pasando esta ao PSdeG-PSOE, que tamén terá a segunda tenencia de Alcaldía durante os vindeiros catro anos, na figura de Marina Lovelace.
Con este acordo o PSdeG-PSOE e IGV poñen fin a doce anos de goberno do Partido Popular e abren “un novo tempo” para o municipio e a veciñanza. A candidata á Alcaldía polo PSdeG-PSOE, Eva Pérez Gamote, amosouse “satisfeita” tralo pacto de coalición asinado entre ambas formacións e valorou “moi positivamente” os acordos alcanzados para comezar a “construír o presente e o futuro de Vilardevós a partir do sábado 17 de xuño”.
A candidata socialista subliña que afronta este reto con “moita ilusión, responsabilidade e capacidade de traballo”, gracias ao seu bagaxe profesional e ao equipo que a acompaña. Pérez Gamote destaca que “o respecto e o diálogo serán os pivotes sobre os que se construirá o futuro goberno municipal de Vilardevós” e afirma que “imos mudar o destino de Vilardevós, consolidando o noso municipio, rematando co abandono que vive o rural, apostando pola mellora de infraestruturas, a limpeza viaria, o impulso do patrimonio ou das fontes de riqueza económica que deben potenciarse en Vilardevós”.
Por último, fai fincapé en que “este é o noso momento, o momento de mudar o presente e o futuro de Vilardevós cun goberno que aposte dunha vez por todas polas aldeas e con políticas enfocadas á veciñanza”.