Ourense | O PSdeG-PSOE de Ourense, a través da súa deputada no Parlamento de Galicia, Carmen Rodríguez Dacosta, ven de presentar unha serie de iniciativas no Parlamento de Galicia enfocadas a instar á Xunta de Galicia a que se implante no Concello de Pereiro de Aguiar, na provincia de Ourense, un instituto Público de Ensino Secundario (IES) ou un Centro Público Integrado (CPI), incluíndo o bacharelato, no actual colexio público de educación infantil y primaria CEIP Ben-Cho-Shey.
Os socialistas preguntarán tamén tanto en comisión, como por escrito e en pleno se hai algunha programación prevista para a implantación deste centro e no caso de que exista dita proposta, cando estarían implantados.
Os socialistas lembran que dende o grupo municipal socialista de Pereiro de Aguiar levan anos apoiando as reivindicacións das nais e pais do colexio público Ben-Cho-Sey, “solicitando a través de diversas propostas, distintas melloras nas súas instalacións, modificación do horario do colexio, e a creación dun Instituto do Ensino Secundario ou un Centro Publico Integrado, de acordo coas demandas históricas da Comunidade Escolar”.
Así, no ano 2015 aprobouse por unanimidade en sesión plenaria, a moción do grupo municipal socialista de Pereiro de Aguiar, pola que se solicitaba á Xunta de Galicia a implantación de educación secundaria e bacharelato no colexio público Ben- Cho- Shey, o cal xa conta na actualidade con preto de 250 alumnos e alumnas, 165 en educación primaria, e que ata a data no se ten constancia de resposta algunha.
Tal e como relata a parlamentaria ourensá, Carmen Rodríguez Dacosta, os alumnos e alumnas de educación secundaria do municipio de Pereiro de Aguiar “están adscritos ao CPI José Garcia García de Mende na cidade de Ourense”, namentres que os de bacharelato “perténcelles o IES As Lagoas tamén en Ourense”, o que en palabras da deputada socialista “obriga, en consecuencia, ao desprazamentos dos nenos e das nenas en autobús ou vehículos privados, co prexuízo que elo supón”.
A isto súmase que os pais e nais de concellos limítrofes a Pereiro, como son Nogueira de Ramuín ou Esgos, “estarían dispostos a acudir a un futuro centro escolar público de Pereiro de Aguiar”.
Rodríguez Dacosta relata que un concello como o de Pereiro, cunha poboación de 6.350 habitantes, dos hai 219 persoas entre os 0 e o 5 anos, 317 entre os 5 e os 10, 305 entre os 10 e 15 e 230 entre 15 e 20.
“Trátase dun dos poucos municipios da provincia de Ourense que crece en número de habitantes, case 100 no último ano, sendo un dos municipios cunha media de idade máis baixa de toda a provincia, con preto de 40 nacementos por ano”, asegurou Rodríguez Dacosta.