Santiago de Compostela/PSdeG | O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, mantivo hoxe un encontro co delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, para facer balance da actuación do executivo na comunidade ao longo do pasado ano e para analizar as perspectivas de cara a este 2021.
“Fronte ao discurso falaz do nacionalismo de ‘España nos roba’, tralo cal se coloca o PP para tentar erosionar ao goberno de España, o goberno socialista traballa en defensa dos galegos e das galegas”, reivindicou Gonzalo Caballero, quen garantiu “a firmeza necesaria” para que “o interese dos galegos e das galegas siga presente na axenda” do executivo presidido por Pedro Sánchez.
Nun contexto no que os orzamentos do Estado son “positivos para España e para Galicia” porque “gastan máis por galego que por andaluz, madrileño, catalán ou valenciano” e porque implican, por exemplo, “unha rebaixa histórica” das peaxes da AP-9, o líder socialista puxo o foco na diferencia que supón que esta crise a enfronte un goberno progresista ou un de dereitas.
“O goberno de Pedro Sánchez priorizou ás persoas fronte aos riscos de vulnerabilidade cun plantexamento social e inclusivo”
“O goberno de Pedro Sánchez priorizou ás persoas fronte aos riscos de vulnerabilidade cun plantexamento social e inclusivo”, destacou o responsable do PSdeG, á vista dos fondos que o executivo “drenou” ao conxunto do país para “reforzar o sistema sanitario, protexer o sistema de benestar social e potenciar a reactivación económica”. “Para que ninguén quede atrás”, resumiu.
A isto púxolle números o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, quen apuntou que o ano pasado máis de 31.000 empresas galegas recibiron 5.000 millóns de euros en avais para o seu mantemento, que 196.000 traballadores de Galicia estiveron protexidos por un ERTE e que 90.000 autónomos da nosa comunidade tiveron axudas por uns 180 millóns de euros.
“O goberno de España dedicou moitos fondos a Galicia”, resaltou Javier Losada, quen engadiu a iso os 748 millóns de euros extra que a Xunta recibiu para as necesidades en sanidade, educación e gasto social derivadas da covid. Ademais, recordou que Galicia contará en 2021 cuns 1.100 millóns de euros a maiores.
Orzamentos do Estado
Así mesmo, Javier Losada destacou que os orzamentos do Estado para este ano, que son “os máis sociais da historia”, supoñen un incremento dos fondos que se consignan para Galicia en 700 millóns de euros e que incorporan inversións longamente demandas como a rexeneración da ría do Burgo, o enlace orbital de Santiago ou a chegada do AVE, entre outras.
“Son uns orzamentos comprometidos cos galegos e coas súas necesidades”, valorou o delegado do goberno en Galicia, mentres Gonzalo Caballero apuntou tamén a suba das pensións, a recuperación do Pazo de Meirás, a rebaixa das peaxes da AP-9 e a aposta pola vacinación fronte á covid.
“Restricións severas”
A preguntas dos medios, Gonzalo Caballero amosou o seu “respecto” ás decisións tomadas pola Xunta para tentar frear a expansión do coronavirus en Galicia. “Asumimos as decisións e non montamos tensións innecesarias nun exercicio de responsabilidade”, remarcou, diferenciándose así do que fai o PP co goberno de España nun momento de tanta dificultade.
Iso si, o líder do PSdeG requiriu á Xunta que, nun momento no que decidiu “restricións severas” ao situar á comunidade nos dous niveis máximos de alerta, tome medidas para apoiar aos sectores económicos máis afectados. “O peche encuberto da hostalería ten que incluír un paraugas de protección que rescate a este sector”, recalcou.
Máxime, como recordou Gonzalo Caballero, logo dun ano 2020 no que, a pesares de que as rendas caeron en Galicia en máis de 6.000 millóns de euros e de ter recibido fondos extra por parte do goberno de España, a Xunta só investiu 22 millóns de euros en axudas ao comercio, á hostalería e aos autónomos. “Os fondos teñen que chegar a quen máis o necesita”, incidiu.
Ademais, o máximo dirixente dos socialistas galegos reclamou ao goberno da Xunta “transparencia, información e regras homoxéneas” para tomar as decisións, que han de ter “sustento do comité clínico” e que deben incluír “medidas de colaboración cos concellos”. Ademais, defendeu unha maior celeridade na campaña de vacinación.
Finalmente, Gonzalo Caballero recordou a Feijóo que “ten que ser un presidente consistente e coherente” e asumir as consecuencias das súas decisións no canto de “botar a culpa” dos rebrotes ao goberno de España e á cidadanía galega, que maioritariamente actuou “con responsabilidade e prudencia”. Sobre todo, como dixo, porque “cando as cousas van ben” non dubida en “tentar colgarse medallas”.