Ourense | O PSdeG-PSOE de Ourense acadou os apoios suficientes durante a sesión plenaria de no Concello de Ourense para que se aprobasen as tres mocións que defendían, na que se instaba ao Concello á paralización da licitación das obras da rúa Concordia por carecer da autorización preceptiva por parte de patrimonio; que se protexera e recuperase o río Barbaña, trala tala indiscriminada e o atentado ecolóxico orquestrado por Jorge Pumar; e por último, unha moción na que esixían ao goberno municipal que se proceda á licitación urxente do novo contrato do servizo de transporte urbano colectivo e á paralización do procedemento de adquisición directa de 40 novos autobuses por 14 millóns de euros e iniciado de forma unilateral pola alcaldía e con grave risco de endebedamento das arcas municipais.
No relativo a compra de 40 autobuses, o Grupo Municipal Socialista defendeu que esta licitación feita por parte do goberno municipal, obedece a “escuros” intereses do alcalde, Gonzalo Pérez Jácome. Os socialistas volveron a amosar que a súa postura e a de defender que se saque a licitación o servizo de transporte urbano, con informes dos técnicos municipais, con pregos que inclúan a compra en función das necesidades da cidade e do interese público e que haxa unha planificación e non “caprichos” de Jácome. A iniciativa contou co apoio do BNG, o PP, e 3 non adscritos. Ciudadanos e Laureano Bermejo abstivéronse e Democracia Ourensana votou en contra.
A edil socialista, Natalia González Beneitez, destacou que o informe de intervención municipal “é demoledor” e no mesmo faise mención a que o expediente “armouse de maneira irregular e agora mesmo eses 14 millóns que costará esta nova flota, non se podería pagar por parte do Concello e suporía unha hipoteca para as arcas públicas desta cidade”.
Lembrou tamén que o Partido Popular “votou en contra deste expediente en xunta de goberno local”, motivo polo que lle pediu aos populares que “non se poñan de perfil e actúen con demagoxia neste tema”.
Para González Beneitez, esta forma de actuar de Jácome amosa que “hai un fondo moi escuro, moi perigoso e ante o que os socialistas non nos imos a quedar quietos” e subliña que “imos facer todo o posible por defender que a licitación sexa completa e se inclúa aí a flota, cos informes técnicos que teñan unha previsión real e efectiva e que non responsan as ocorrencias dun alcalde sen criterio”
Obras de rúa Concordia
O PSdeG-PSOE de Ourense conseguiu o apoio de BNG, CS e 3 concelleiros non adscritos na moción na que solicitaban que o goberno municipal paralizase con urxencia a licitación das obras de humanización da rúa Concordia ao carecer da autorización preceptiva por parte da dirección xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia.
O expediente de humanización da rúa na que o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, ten a súa vivenda, o seu negocio e varios baixos comerciais, foi licitado por un importe de 4.7 millóns de euros e no mesmo incluíase a instalación de sete ramplas mecánicas, a peonalización da rúa e unha plataforma única de árbores, luminaria e cámaras de tráfico para o control de acceso restrinxido.
A concelleira socialista, Natalia González Beneitez, destacou que “estamos ante un novo capricho do alcalde”, que pretende executar a humanización da “súa propia rúa” e que está cometendo “gravísimas irregularidades, cun comportamento irresponsable, ante a falta de informes clave para levar a cabo a licitación”.
A vicevoceira municipal do PSdeG-PSOE de Ourense puxo o foco no informe “demoledor” de intervención e nesa falta de criterios de adxudicación, falta de transparencia e vulneración dos principios de igualdade na licitación, o que segundo as palabras da concelleira “é unha irresponsabilidade manifesta do alcalde, que quixo unicamente por ser a súa rúa, levar adiante este proxecto fora como fora, e a sabéndoas de que está saltando a legalidade”.
Recuperación do Barbaña
No relativo a moción para a defensa, protección e recuperación do Río Barbaña e o seu entorno, o PSdeG-PSOE conseguiu o apoio de BNG e 3 non adscritos para que saíse adiante, a pesar do voto en contra do Partido Popular e da abstención de Democracia Ourensana e outro concelleiro non adscrito.
Os socialistas reclamaban que se instase a Confederación Hidrográfica e a Consellería de Medio Ambiente a realizar unha inspección ambiental despois das actuacións levadas a cabo na cunca do río, ordenadas polo concelleiro popular, Jorge Pumar, quen levou a cabo un arboricidio e atentado ecolóxico na zona.
Dende o PSdeG-PSOE de Ourense tamén reclamaban a redacción urxente dun plan de restauración e renaturalización das ribeiras do Barbaña, co fin de optar a convocatorias de subvencións dos fondos Next Generation.
O concelleiro Borja Trigás remarcou a “preocupación” dos socialistas pola “desfeita” levada a cabo no río Barbaña e requiriu que se aposte por “recuperar dunha vez por todas e devolverlle a Ourense o río Barbaña, dándolle o valor e autenticidade que merece”.
O edil socialista apuntou tamén á necesidade de que “se leve a cabo un proxecto de renaturalización do río, porque hai que recuperar a biodiversidade, xa que hai moita flora e fauna que se levou por diante e hai que restaurar”.
Trigás apuntou por último que o Goberno central abre un prazo de presentación de proxectos susceptibles de financiación por parte dos fondos Next Generation “nos que hai un apartado clave como é a revalorización da biodiversidade nos leitos fluviais”.
Por este motivo reclamou que o Concello de Ourense presente un proxecto para optar a dita subvención.