O PSdeG pide á Xunta de Galicia Centros de saúde para O Vinteún e Mariñamansa

Rehabilitación do casco vello e implantación dun transporte metropolitano, outras esixencias para a cidade

Ourense | O PSdeG insistirá novamente, para que o goberno de Alfonso Rueda cumpra dúas das demandas más urxentes e imprescindibles no eido sanitario: a construción de dous centros de saúde que dean cobertura ás persoas residentes no Vinteún e en Mariñamansa. “Non imos deixar de reclamar as infraestruturas que xa se prometeron hai anos porque son verdadeiramente necesarias para reducir as listas de agarda na nosa Atención Primaria”, advirte a deputada no Parlamento Carmen Rodríguez Dacosta.

Tamén rexistraron emendas aos orzamentos de 2025 para que se constrúa un pavillón de ximnasia, que dea cabida a todas as disciplinas, e se leve a cabo a segunda fase de remodelación do Estadio do Couto, corrixindo todas as deficiencias detectadas tras realizarse a primeira.

“O compromiso co deporte ten que ir máis alá de sacarse fotos cos e cas deportistas en torneos ou competicións. O compromiso do executivo galego debe pasar por ofrecer as mellores condicións para as diversas especialidades ás e aos deportistas de Ourense, tanto aos e ás que xa son profesionais como ao resto de categorías”, destaca a secretaria xeral do PSdeG na cidade, Natalia González Benéitez.

Espazo Xove
Como novidade, solicitan que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude se encarge de dinamizar, mellorar e impulsar o Espazo Xove que tantas opcións ofrecía á mocidade cando o edificio era a Casa da Xuventude. “Atendendo á lamentable ausencia de programación por parte da Administración local para a adolescencia, máis ala das orquestras, o goberno autonómico ten que dar pulo a un edificio que ofrece múltiples posibilidades e no que tamén se levaban a cabo actividades de concienciación e formación para a xuventude”, subliña.

Tamén recolle a proposta dos e das socialistas para mellorar os orzamentos da Xunta de 2025 unha partida para que o gran hotel balneario e o Desenvolvemento do Plan Estratéxico Termal sexan unha realidade en Ourense logo de moitas promesas e ninguna execución realizada. Así como o desenvolvemento dun plan de transporte metropolitano para conectar eficientemente a cidade coas comarcas e os núcleos rurais limítrofes.

“Non nos esquecemos da reactivación do polígono industrial do Val da Rábeda ou a rehabilitación do casco histórico de Ourense, actualmente en pésimas condicións e que require de actuacións urxentes, levando parello un plan de alugueiro para xente moza que dinamice esta zona da urbe”, rematan as socialistas sobre outras demandas xa recollidas en emendas a anteriores presupostos.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.