Ourense | O PSdeG-PSOE de Ourense acusa ao PP de “instaurar o feísmo político” no Concello de Ourense co seu “apoio encuberto a Gonzalo Pérez Jácome”, logo de que trascendera que a Fiscalía de Ourense presentou unha querela contra o alcalde por un presunto delito continuado de malversación de fondos públicos que o Ministerio cifra en preto de cen mil euros.
Neste sentido, os socialistas anuncian que iniciarán contactos co resto de formacións políticas da oposición para emprender “medidas destinadas a recuperar os fondos públicos” presuntamente “furtados á cidadanía”.
“Un feito tan serio como desviar fondos públicos para fins particulares só pode pasar desapercibido para o PP, que está acostumado a malversar o caudal político da provincia e da cidade, algo que leva facendo durante moitos anos”, sinalou o voceiro municipal dos socialistas, Rafa Villarino, quen destacou que “cando é a acusación pública a que toma partido, non pode tratarse de indicios pouco firmes, senón que ten que haber unha base potente”.
Deste xeito, o socialista lembrou que os populares abandonaron temporalmente o goberno municipal en setembro de 2020 “porque pensaron que podían sentarse na cadeira da alcaldía”.
“Visto que esa posibilidade de xa non existe, botan balóns fóra e din repetidamente que se amparan no que diga a xustiza” condenou Villarino, algo que os socialistas interpretan como “apoio encuberto”.
Ante esta situación, dende o PSdeG-PSOE de Ourense aseguran que “confían plenamente no desempeño da xustiza” e anuncian que apelarán ao resto de grupos políticos para tomar “medidas conxuntas” destinadas a “recuperar os caudais públicos que foron furtados á cidadanía”, ao entenderen que os representantes dos cidadáns no Concello “deben tomar parte” na reversión dos fondos presuntamente desviados.