Santiago de Compostela/PSdeG-PSOE | O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, asumiu hoxe o reto de chegar á Xunta de Galicia para “devolverlle a ilusión a Galicia e pasar páxina dun Feijóo máis preocupado de facer seguidismo de Ayuso, Casado, Mañueco e Ejea” que de defender a Galicia.
Así o dixo na súa intervención na clausura do 4º Congreso do PSdeG de Coruña, no que deu o relevo á fronte da secretaría xeral a Bernardo Fernández e á nova executiva, ratificada co 95,24 por cento dos votos.
González Formoso chamou a relevar ao presidente da Xunta “por inoperancia” logo de constatar a súa “renuncia á defensa dos intereses dos galegos e das galegas para ser oposición ao goberno do Estado en lugar de ser presidente do noso país”. Sinalou así a súa estratexia de “poñer paus nas rodas” da reforma laboral, da actualización das pensións, a Lei de FP ou entorpecer os bonos de alugueiro para os mozos e mozas.
Resumiu que o presidente da Xunta quere “poñerlle paus nas rodas ao avance do país”, nas antípodas do proxecto socialista “que representa a ilusión, un partido que anhela soñar Galicia, recuperar o espírito dun país que necesita reinventarse, revolucionarse tranquilamente e soñar un país aberto”.
Avogou por unha Galicia na que “ningún xubilado teña que preocuparse de se terá pensión no seu futuro, e ningún pai ou nai teña medo polo futuro polos seus fillos e se terán que irse alén das nosas fronteiras”. Sinalou que “se Einstein nace en Mañón ou Rosalin Franklin nace en A Guarda terán a oportunidade de soñar Galicia e facer mellor este país”.
O líder dos socialistas galegos augurou o “rexurdir do PSdeG”, porque “parecémonos a este país máis que ningunha outra formación”, unha Galicia que “ten espírito propio, non ten apelidos nin pertence a ningunha formación política”. Defendeu “un pobo libre, orgulloso do pasado e que non renuncia ao futuro, que non quere á dereita conservadora nin ao trasnoitado nacionalista”.
González Formoso criticou un PP no que “todo vale”, en alusión ao “espectáculo” do conflito entre Casado e Ayuso, demostrando que “váleslle arrasar, espiar, comprar vontades, as peores prácticas da política, que en realidade son prácticas mafiosas incorporadas á política”.
Chamou a “non permitir” estas prácticas que en realidade “danlle unha oportunidade ás formacións de extrema dereita e ao populismo”.
O responsable socialista interveu no peche do Congreso que comezou cun recordo ás vítimas do sinistro do pesqueiro Villa de Pitanxo e do mundo mariñeiro e “é Galicia en esencia”, do que viven máis de 30.000 familias de Galicia. Reivindicou a solidariedade “non só nestes días, senón que estaremos con estas familias cando xa ninguén se acorde delas”.
Inundación socialista
O novo secretario provincial, Bernardo Fernández, asumiu a dirección provincial co obxectivo de “reforzar e fortalecer o partido de cara ás eleccións municipais” previstas nun prazo de 16 meses.
Chamou a “inundar de socialismo ás vilas e cidades de Galicia” e conformar o “piar da vitoria de Valentín González Formoso nas eleccións autonómicas de 2024 e superar os “anos de retroceso e de parálise do PP”.
Fernández sinalou que unha vitoria nas eleccións municipais “será a mellor garantía dunha sociedade moito máis xusta e de poder aplicar o ideario socialista que nos diferenza e nos fai mellores que aqueles que entenden a política como algo que esta ao seu servizo”.
O secretario de Organización do PSOE, Santos Cerdán, interveu tamén na clausura do congreso provincial para respaldar á nova dirección e o proxecto de González Formoso, que irá “da man en volandas á fronte da Xunta de Galicia”.
Chamou a acabar co “PP do negacionismo democrático” e unha organización que representa “á carcoma da democracia, que espía, manipula, minte, compra vontades e presenta a oposición máis irresponsable e corrupta de toda a UE”.
Así o dixo en resposta ás palabras do presidente da Xunta instando a Génova a “pactar entre Casado e Ayuso”, e engadiu que “esas cousas non se pactan, esíxese transparencia e responsabilidades, ou igual é que está afeito a tapar a corrupción en Galicia”.
O dirixente socialista advertiulle a Feijóo de que “se coide dos informes de Génova”, agora que volve postularse como relevo, “non vaia ser que algunha foto súa volva saír”.