Ourense | O PSdeG-PSOE de Ourense vén de manter un encontro en Portugal co presidente da Câmara Municipal de Melgaço, Manoel Batista Calçada Pombal para falar sobre a extensión da AG-31 dende Celanova ata a fronteira portuguesa e coñecer a visión do país veciño sobre a conexión lusa ata a fronteira española, a través da Madalena.
Os socialistas destacan a “produtividade” e “positividade” deste primeiro encontro e anuncian que en próximas datas seguirán a manter reunións para loitar por unha infraestrutura “clave” para o futuro da provincia de Ourense.
Ata Melgaço desprazáronse o secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino; o alcalde de Entrimo, Ramón Alonso; e o presidente da asociación de empresarios de Bande, José Antonio Dorado. Os socialistas sinalan que as impresións “non podían ser máis positivas” e apuntan que os representantes institucionais portugueses “tamén concordan na necesidade dunha conexión que potenciaría o movemento tanto a nivel empresarial como de turistas entre os dous territorios”.
Dende o PSOE ourensán volven a recalcar a “importancia” de mellorar a conexión entre países a través da Madalena e afirman que “temos que aproveitar os Fondos Next Generation para impulsar que a AG-31 non remate en Celanova, senón na fronteira lusa”.
Neste senso, os socialistas lembran que veñen de presentar iniciativas no Parlamento de Galicia para que se prosiga coa construción da AG-31, un proxecto que consideran de “vital importancia para o desenvolvemento económico, social e demográfico das comarcas de Celanova e a Baixa Limia, pero tamén da provincia de Ourense”.
O voceiro provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, sinalou que o motivo do encontro “era establecer contacto co presidente da Cámara Municipal de Melgaço e comprobar que efectivamente coincidimos na necesidade de conectar ambos lados da fronteira cunha vía de alta capacidade”.
“Efectivamente coincidimos na necesidade de conectar ambos lados da fronteira cunha vía de alta capacidade”
O líder dos socialistas ourensáns amosouse “satisfeito” desta primeira toma de contacto, xa que tal e como afirma “en ambos países compartimos a necesidade de impulsar esta iniciativa, polo que continuaremos a pelexar e a manter reunións para que se converta nunha realidade”.
Rodríguez Villarino afirmou que “tomando as palabras da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, os e as socialistas estamos dispostos a pór todo o que sexa necesario para que o goberno autonómico cumpra co obxectivo de realizar esta conexión, xa que cabe lembrar que o titular desta autoestrada”.
O secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense tamén sinalou que “comprometémonos a falar co Estado para que colabore na medida do posible en facer realidade esta obra”, e apuntou que “a posibilidade de ter unha provincia de progreso e cun correcto desenvolvemento para pasa por facer realidade esta conexión, polo que o PSOE vaise comprometer para que así sexa”.
Pola súa banda, o presidente da asociación de empresarios de Bande, José Antonio Dorado, afirmou que “estamos aportando o noso gran de area para este proxecto, que eu sinalaría como o máis importante para a provincia de Ourense nestes momentos”. Dorado, concelleiro do PSdeG-PSOE en Bande, tamén afirmou que “estamos moi interesados en que as comarcas da Baixa Limia e Celanova e a propia provincia non perdan este último tren que lles queda”.