Ourense | O PSdeG-PSOE ourensán reclamará no pleno ordinario de decembro da Deputación de Ourense, que a Real Academia Galega (RAG) dedique o Día das Letras Galegas de 2023 ao escritor ourensán Antón Tovar.
A través dunha iniciativa que se debaterá o próximo venres 17, os e as socialistas instarán ao máximo órgano colexiado da institución a solicitar a RAG esta conmemoración e ao goberno provincial de Partido Popular e Democracia Ourensana a que dea difusión, a través de todos os medios cos que conta a institución, desta importante candidatura.
As deputadas e deputados provinciais, desde a casa natal do escritor na aldea da Pereira, salientan que Tovar foi un poeta “galeguista, intimista e de fonda preocupación social” que merece este recoñecemento “canto antes”. Este 2021 celebrouse o centenario do seu nacemento na localidade da Pereira, no concello de Rairiz de Veiga. Faleceu na cidade de Ourense o 16 de xuño de 2004.
A deputada, Elvira Lama, asegura que “a súa importancia como escritor radica en que foi un gran poeta” que algúns estudosos definen como “o poeta galego máis importante da segunda metade do século XX”. “Con 20 anos queda orfo de pai, o que marcou fondamente os seus pensamentos, un feito que impulsou o carácter intimista da súa obra e tamén se amosou moi preocupado pola sociedade daquel tempo”, destacou Lama.
A deputada socialista defende este recoñecemento o vindeiro ano “porque é de xustiza”; porque a súa obra “é extensa e de gran valor”; porque é un poeta que “une a dúas xeracións de escritores” e porque “ten unha destacada relevancia como autor de poesía, algo que non abonda na nosa literatura galega”.
Antón Tovar Bobillo escribiu en lingua castelá, lingua galega e foi encadrado na denominada ‘promoción de enlace’. A súa prolixa obra foi principalmente poética mais tamén abarcou outras formas como os relatos curtos ou o ensaio. A súa produción quedou recollida, entre outras, en obras en castelán como El tren y las cosas e La Lanzada, pero sobre todo nos seus escritos en galego.
Neste ámbito destacan Arredores (1962), Non (1967), Calados Esconxuros (1980), Berros en voz baixa (1990), A nada destemida (1991) ou Diario íntimo de un vello revoltado, publicado no ano 2001. Igualmente exerceu algunhas pequenas colaboracións en prensa e revistas.
“Diversa bibliografía que estudou a súa vida relata que, na histórica libraría Tanco de Ourense onde traballou tras ser expulsado da función pública pola súa militancia política no Partido Comunista, estableceu relación con outras importantes figuras literarias como Vicente Risco, Xesús Ferro Couselo e Xosé Luis López Cid”, conclúen os e as socialistas.