Castro Caldelas | O PSdeG-PSOE destaca que da man de Sara Inés Vega, Castro Caldelas seguirá “transformándose, medrando e modernizándose”, cun proxecto “ambicioso” e que é a única aposta “real” para traballar por mellorar o “benestar” da veciñanza. Os e as socialistas buscarán un novo mandato para seguir impulsando día a día un concello que é exemplo do “bo facer” e de políticas municipais “realistas, eficientes e que potencian o territorio”.
Nun acto celebrado no Castelo de Castro Caldelas, desvelaron o seu programa electoral e explicaronlles aos veciños e veciñas cal van ser as liñas de acción nos vindeiros catro anos de goberno. A candidata á Alcaldía, Sara Inés Vega, estivo arroupada polo seu equipo e tamén polo deputado no Congeso, Adolfo Pérez Abellás.
A candidata subliñou que se presenta as eleccións “coa mesma ilusión de sempre e coas ganas de volver gozar da vosa confianza”. A actual rexedora da vila puxo de manifesto que o programa electoral está pensado e enfocado “nas necesidades dos caldelaos e caldelás” e que aposta “por mellorar día a día o voso futuro benestar, para seguir traballando e loitando con optimismo e determinación e para construír un lugar mellor para vivir”.
Sara Inés Vega resaltou que o traballo realizado durante os últimos catro anos “foi moi importante para seguir modernizando e transformando a nosa localidade” e por este motivo afirmou que “quero continuar con esta labor, porque Castro Caldelas e vós o merecedes”. A candidata socialista tamén explicou que “caracterízame buscar o progreso e benestar do noso pobo, mellorando día a día os servizos a todos e todas os veciños e as veciñas” e subliñou que “o noso equipo esforzarase ao máximo con unión, ideas, madurez e inquedanzas para darvos o mellor futuro”.
O deputado no Congreso polo PSdeG-PSOE de Ourense, Adolfo Pérez Abellás, sinalou que Sara Inés “é o exemplo dunha excelente xestión ao fronte do concello, liderando un gran equipo de persoas, de socialistas comprometidas con esta terra e que van a revalidar este compromiso o día 28, co apoio de todos e todas vós”. Neste senso, o parlamentario socialista afirmou que “estou seguro que volverás a ser a alcaldesa de todas e todos os caldelás”.
Pérez Abellás relatou os numerosos logros e as numerosas iniciativas levadas a cabo polo Goberno e afirmou que “todo isto demostra que somos o goberno máis social da historia de España, o que garante os dereitos da xente, e iso é o que tamén garante Sara Inés coa súa candidatura e coa súa xestión ao fronte do concello de Castro Caldelas, o compromiso e as ganas de loitar por esta terra e polas súas xentes”.