Ourense | Catorce entidades da cidade que cumprían cos requisitos para acceder a subvencións para asociacións e entidades sen ánimo de lucro en materia de asuntos sociais quedaron sen as mesmas en primeira instancia “por falta de crédito orzamentario”, segundo reflicte o anuncio do Concello de Ourense publicado no Boletín Oficial da Provincia (BOP).
“Volve a acontencer o mesmo que en 2022 e 2023 e que, se nada muda, acontecerá o vindeiro ano pola falta total de previsión do goberno de Gonzalo Pérez Jácome ao non modificar as bases para acceder a estes cartos públicos nin presentar uns orzamentos actualizados que prioricen as necesidades da cidadanía”, explica a voceira do PSdeG na Administración local, Natalia González Benéitez.
A Asociación Española Contra o Cancro (AECC); Red Madre; Asociación de persoas con Discapacidade de Ourense (ADO); Asociación de fibromialxia, síndrome de fatiga crónica e sensibilidade química de Ourense (AFFOU); VALORESC innovation; Fundación Amigos de Galicia; Apúntaste; Asociación Diabética Áuria; Alcer; Discafis Cogami; Adido; Igaxes; APES e Amencer son as entidades que quedaron excluidas das subvencións. A secretaria xeral dos e das socialistas na cidade, lembra que se trata de organizacións chave para o funcionamento da sociedade ourensá que “nunca cobran en tempo en forma” polo importante labor que desenvolven e que terán que presentar as súas programacións para o ano que vén sen contar co presuposto que precisaban”, lembra a edil que esta mañá trasladou en Xunta de Área que urxe modificar as bases para que non se repita a situación nos vindeiros anos.
Libros e comedor escolar
“Pedimos que, ao igual que finalmente se cambiarán as bases de libros e comedor escolar 2025/2026, algo que demandamos reiterada e sistemáticamente as e os socialistas, que se faga unha modificación das bases da convocatoria de subvencions a entidades do terceiro sector e que se incremente a contía económica nos futuros presupostos”, esixe a portavoz do PSdeG. E incide en que a última modificación orzamentaria de 90.000 euros para a que o executivo local recibiu o apoio da oposición non será suficiente para cubrir as necesidades de todas as asociacións e que 2 dos proxectos presentados quedarán sen respaldo económico.
Insisten dende o grupo socialista en que urxe unha planificación económica que saque do caos ao Concello de Ourense e que afoga non só ás entidades do terceiro sector, senón tamén ás familias. “Hoxe confirmamos que non haberá servizo de conciliación este Nadal na rede de Centros Cívicos Municipais e que a intención do goberno de Gonzalo Pérez Jácome semella apuntar a querer suprimilo a partir de 2025”, lamenta a voceira do PSdeG.
Rueiro feminimo
Ademais, nas Xuntas de Área que tiveron lugar esta mañá tamén puideron confirmar que o convenio con Progape terá unha duración de dous anos, que aumentará en 50.000€ pola subida dos prezos de mercado, pero no que non se contempla ningún tipo de mellora significativa e concreta para o funcionamento da protectora. “O goberno local comprometeuse, trala solicitude do resto dos grupos políticos e nomeadamente do PSdeG, á reactivación do rueiro feminino, a través de incoación de expedientes de honra individuais a cada unha das mulleres no ano 2025. Mais solicitamos que a orde vaia en función do número de apoios adquiridos por cada unha delas, sendo a primeira Olga Gallego, tal e como reclamamos dende o grupo municipal socialista cunha moción para que así se concretase este mesmo ano”, sopesa González.