Ponteareas/PSdeG | O Partido Socialista valora positivamente que a Plataforma de Afectados Pola N-120 siga o seu camiño como vehículo veciñal sen a integración dos partidos políticos.
Ante isto, a candidata á alcaldía Chus Garrote manifestou que o PSdeG-PSOE sae reforzado como instrumento veciñal para a execución da circunvalación e das obras de seguridade na N-120 neste 2019. Chus Garrote “O meu compromiso como veciña e como representante política coa plataforma é inquebrantable”.
Para os socialistas de Ponteareas o PP e Belén Villar están nunha situación crítica pois non chegaron a realizar nada do que prometeron na campaña do 2015; nin no 2016 se redactou o proxecto con Feijóo e Rajoy e no 2019 a circunvalación non foi realizada. Como contrapunto, engaden, o PSOE presentou un anteproxecto e iniciou o proceso de licitación das empresas redactoras dos proxectos finais para a súa execución o que demostra “quen está por prometer e quen por facer”.
Neste senso Garrote afirma comprender o anelo dos veciños despois de anos de abandono do Partido Popular desde os gobernos da Xunta e de España e denuncia que a dereita sempre tratou por todos os medios dividir á veciñanza con fins electoralistas . “A miña forma de entender a política é desde a unidade e cos veciños, voten a quen voten” manifesta a socialista.
Por outro lado, os socialistas de Ponteareas sinalan que só con Pedro Sánchez como Presidente do Goberno Ponteareas terá as oportunidades que xamais tivo con Rajoy e Feijóo. “Unha clara demostración do compromiso do PSOE con Ponteareas é o anteproxecto presentado polo Ministerio de Fomento despois de anos de inacción do Partido Popular”. Declara Chus Garrote.