Alén dos escarceos militares, declaracións de ida e volta e ameazas sobre unha suposta “invasión rusa”, a permamente tensión que se vive dende finais de 2021 en torno á crise de Ucraína, e que involucra directamente a actores de peso como EE.UU, Rusia, a OTAN, a Unión Europea e, indirectamente pero non menos importante, a China, revela tres claves que explican o rumo da política global e a súa definición de cara ás próximas décadas.
“O presidente ruso é quen move realmente as pezas estratéxicas deste pulso de realpolitik con EE.UU”
A primeira clave interpreta o poder real de Putin. O presidente ruso é quen move realmente as pezas estratéxicas deste pulso de realpolitik con EE.UU. Occidente vive pendente de cales serán as súas iniciativas e, simultaneamente, das súas reaccións ante os contrapesos. O presidente ruso móvese con soltura nunhas áreas, a xeopolítica e a política exterior, onde soe sacar importantes réditos para os seus intereses.
Pode que a táctica de Putin se balancee entre a partida “suma cero” (todo ou nada) ou “suma variable” (unha solución que benefice a tódolos actores involucrados) Pero tamén pode que a súa aposta por Ucraína sexa politicamente arriscada, non tanto no plano interno ruso (onde seguramente non lle pasará factura) senón nas súas relacións cada vez mais tensas con Occidente, que poden complicar a súa credibilidade ante futuras crises xeopolíticas, sexan en Ucraína ou noutro país do espazo post-soviético.
“Europa e a ONU practicamente non existen. Non son actores de peso que xogan na ‘Champions League’ da política internacional”
A segunda clave: Europa e a ONU practicamente non existen. Non son actores de peso que xogan na “Champions League” da política internacional. O de Ucraína é un pulso directo entre Putin e Biden. Estes pulsos erosionan a consistencia dunha UE que observa división interna nun núcleo “atlantista-OTANista” liderado dende Washington con Gran Bretaña, Polonia e as repúblicas bálticas; e outro núcleo franco-alemán que tenta equilibrar un acordo con Rusia.
A dependencia europea do factor enerxético é outra clave que reforza as cartas favorables a Putin e a inoperancia europea, incluso agora que o gasoduto alxerino do Medgaz volve a bombear cara Europa. As conversas de Putin co presidente francés Emmanuel Macron (quen busca a súa reelección presidencial en maio próximo cunha “vitoria diplomática” na man) define esa división europea. Alemaña quere baixar tamén a tensión porque está en xogo o estratéxico gasoduto Nord Stream II.
E da ONU, pouco que falar. Non actúa como o factor de resolución de conflitos que se pretende debe ser, nin sequera con esa convocatoria tardía e oportunista de Washington a unha xuntanza urxente do Consello de Seguridade para tratar a crise ucraína. En ningún momento existiu unha iniciativa eficaz por parte do seu secretario xeral Antonio Guterres. Unha mostra da inoperancia deste organismo que aumenta as demandas sobre a súa reforma estrutural.
A terceira clave é a nova arquitectura de seguridade que se manifestará a carón desta crise ucraína, por certo unha demanda constante de Putin. En Ucraína observamos dous eixes xeopolíticos contrapostos: o “atlantista-OTANista” liderado por Washington; e o euroasiático conformado por Rusia e China.
“En Ucraína observamos dous eixes xeopolíticos contrapostos: o ‘atlantista-OTANista’ liderado por Washington; e o euroasiático conformado por Rusia e China”
Tras un prolongado silencio, Beijing saíu en favor do seu aliado ruso nas súas demandas de seguridade sobre Ucraína e ante o rearme e expectativas de expansión da OTAN. China sabe que ten en Taiwán a súa “propia Ucraína” con EE.UU tamén pulsando o botón das tensións. Debe lembrarse que Putin asistiu este 4 de febreiro á inauguración dos Xogos Olímpicos de Inverno en Beijing, toda vez Biden xa boicoteou este evento. A sintonía sino-rusa é practicamente total.
A OTAN non renunciará a súa expansión cara Ucraína e o espazo post-soviético euroasiático toda vez Moscova tampouco renunciará a manter as súas “esferas de influencia” para garantir a súa seguridade. Porque a crise ucraína tamén revela outra clave: cal é a “raison d’être” da OTAN neste mundo do século XXI? Volve Rusia a ser unha ameaza para o “atlantismo”, igualmente amparada polo ascenso global de China? É tan relevante Ucraína para garantir a operatividade da OTAN?
En Ucraína tense trazados as “liñas vermellas” entre Biden e Putin, o que é o mesmo entre a OTAN e Rusia. China segue expectante e observa que, tras Ucraína, a próxima tensión podería ser Taiwán. E este eixe euroasiático sino-ruso tamén xoga, vía Venezuela, Cuba e Nicaragua, as súas cartas xeopolíticas no propio hemisferio occidental, a tradicional “esfera de influencia” (o “patio traseiro”) de Washington. Con aires de “neo-guerra fría”, a crise ucraína volve a colocar á xeopolítica no centro de atención neste mundo de “post-globalización”.