O que cómpre é gobernar.

Cadernos da viaxe.

Ana Pontón amosou con toda claridade o seu liderado no BNG acadando, canda a súa candidatura, case un 85% dos votos no evento congresual nacional soberanista deste domingo 1-D, reflectindo a nula conexión coa realidade de determinadas especulacións dalgunhas fontes xornalísticas que afondaban na existencia de sensibilidades críticas ou refractarias ao forte liderado de Pontón.

Ao tempo tamén ficou evidente o pouco apoio congresual ás teses dalgúnhas sensibilidades a respecto da necesidade de menos presidencialismo e máis coralidade, precisamente porque o sentimento amplamente maioritario da afiliación nacionalista ratificou un liderado esencialmente dirixido ao principal obxectivo do soberanismo galego hoxe: gobernar no próximo futuro Galicia e os máis posíbeis dos seus poderes locais. Como dixo a propia líder galeguista “o máis revolucionario é gobernar”.

Fican aínda dous anos e medio para as locais e tres para as nacionais galegas. Velaí os obxectivos de Ana Pontón e da dirección do BNG. As locais son fulcrais para chegar en condicións de construir unha nova maioría parlamentaria que desaloxe ao PP de Montepío e San Caetano. O BNG precisa artellar candidaturas locais en case todos os concellos, subir votos e representación en case todas as vilas e cidades, e sumar novas alcaldías e cogobernos. O BNG é, con moita diferenza (25 vs 9 escanos), a segunda forza no Parlamento de Galicia. 2027 ha ser o momento no que poida revirar, polo menos parcialmente, a vantaxe socialista nos poderes locais galegos.

“Fican aínda dous anos e medio para as locais e tres para as nacionais galegas. Velaí os obxectivos de Ana Pontón e da dirección do BNG”

Para acadaren estes obxectivos no territorio cómpre continuar unha das liñas de avance local de 2023: o alargamento do avance social, incorporando persoas novas ás candidaturas e, xa que logo, ás concellerías. Mais tamén cómpre ollar cara candidaturas locais de sensibilidade soberanista e progresista (nalgunhas con presenza sobranceira de Anova e doutros pequenos grupos galeguistas) e cara as persoas que están a dirixir e partillar nas entidades e movementos sociais de toda caste que encaixan nese proxecto de país dinámico, transversal e inclusivo no que acredita Pontón e que cómpre levar tamén ás administracións locais todas.

Na perspectiva nacional semella que a fórmula empregada até de agora funcionou e cómpre afondar nela. O soberanismo ten que dispor das mellores diagnoses sobre os problemas e solucións da nosa cidadanía e da nosa sociedade e ha dialogar coas institucións e coas entidades sociais que vertebran as maiorías ás que se dirixe dun xeito horizontal, colaborativo e espido de dogmatismos e apriorismos, para darlle pulo a ese imprescindíbel alargamento da base social.

Canto ás liñas programáticas e ás mensaxes á cidadanía, non existen contradicións entre ser a forza das políticas a prol do desenvolvemento sustentábel, dos servizos públicos e sociais e de igualdade, ser a forza do benestar, do equilibrio ambiental e da calidade de vida e ser a forza soberanista que afirma o autogoberno, a lingua e a cultura galegas. Porque non pode haber progreso económico e social nin benestar sen ampliar substancialmente o noso autogoberno e sen garantirmos un financiamento acaído dos servizos públicos autonómicos e locais. No próximo futuro o que lle cómpre ao BNG e á Galicia moderna, dinamica e autocentrada que afirma querer desenvolver é gobernar.

Advogado. Colabora en varios medios galegos.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.