Vexamos unhas cinco claves que nos deixa a xeopolítica global, incluso en materia deportiva, deste 2022 que está por rematar.
1. Guerra na Ucraína ad infinitum?
“A nosa determinación por defender a Ucraína é inquebrantável“. Así recibiu na Casa Branca o presidente estadounidense Joe Biden ao seu homólogo ucraíno Volodymir Zelenski, “Home do Ano” para a revista Time. O apoio a Ucraína pasa por enviarlle máis armamento, incluído os modernos mísiles Patriot, para repeler a invasión rusa iniciada o pasado 24 de febreiro.
Con máis de 300 días de combates, a guerra ucraína non semella ter final e vaise configurando cada vez máis como unha guerra entre Occidente e Putin, entre EEUU e Rusia. Isto explica porqué a primeira visita internacional de Zelenski dende que comezou a guerra (“operación especial” para o Kremlin) foi a Washington e non a Bruxelas, sexa esta como sé da OTAN ou da UE, en teoría os verdadeiros apoios exteriores cos que conta Kiev.
Como resposta, o presidente ruso anunciou orzamento ilimitado e un aumento de efectivos das súas Forzas Armadas, toda vez acelera a “mobilización parcial” decretada en setembro pasado, fortalece plans militares e políticos co seu aliado bielorruso Aleksandr Lukashenko e acusa a Ucraína de torpedear calquera iniciativa de diálogo para a paz. Tamén adiantou que a situación é “extremadamente difícil” en Ucraína. Declaracións todas estas que confirmarían escenarios de recrudecemento da guerra neste inverno 2022-23 vía reagrupamento de forzas militares.
E Europa? Fóra de xogo, sumisa aos imperativos “otanistas” de Washington, sen capacidade para encauzar un proceso de negociación e de diálogo que permita pór fin un conflito ruso-ucraíno de cariz cada vez máis global. Só vemos que veciños de Ucraína, como Polonia, poden sacar proveito deste conflito rememorando vellas aspiracións hexemónicas.
2. A “nova guerra fría” é entre China e EEUU.
A guerra ucraína é un ‘apéndice’ do pulso global que vaise definindo entre Beijing e Washington. O reforzamento do poder de Xi Jinping no XX Congreso do PCCh afirma a nova era da política chinesa, con tintes de culto á personalidade “post-maoísta”. As provocacións estadounidenses en torno a Taiwán e contra China aceleran un rearme na contorna do sueste asiático e Asia Oriental, ecuación na que agora entra Xapón con expectativas de impulsar unha nova estratexia de defensa. Todo isto sen esquecer a sempre presente ameaza “disuasiva” nuclear dunha Corea do Norte que aumenta o termómetro con probas balísticas contra Seúl e Tokio.
Esta panorama traza dous eixes xeopolíticos: un euroasiático con Beijing como epicentro; e outro “atlantista” con ampliación cara o Océano Pacífico liderado por Washington. Con matices, China e Rusia fan balanza común dos seus respectivos intereses en Taiwán e Ucraína. A ‘revitalización’ dos BRICS afronta tamén esas perspectivas “euroasiáticas” sino-rusas, agora con India tamén no taboleiro. Non obstante, os recentes choques fronteirizos sino-indios revelan igualmente posibles implicacións de Washington orientados a erosionar calquera achegamento entre dúas potencias emerxentes como China e India que, ademáis, lideran o ránking demográfico mundial.
Tamén está o plano interno chinés: as expectativas de recesión económica poñen o foco no sector inmobiliario. As inéditas protestas cidadáns ante a draconiana política de Xi do “COVID Zero” abren o compás dun posible “novo contrato social” entre o poder e a cidadanía. Con todo, non se albisca algún atisbo de “primavera” democrática en China, como tampouco parece ser esa a diagnose na Rusia de Putin.
“O pulso polo dominio global deste século está deseñado entre Beijing e Washington”
A economía estadounidense tamén debe medir como lle afectará a recesión global, con particular énfase de cara á carreira electoral á Casa Branca en 2024. Os mid-term de novembro confirmaron un novo equilibrio político institucional entre republicanos e demócratas que pode atascar lexislativamente varias medidas importantes para a reactivación económica.
A retirada de Afganistán, fin simbólico da errática pax americana, obriga a Washington a redeseñar prioridades contra China. Ao eixe euroasiático China-Rusia-Irán-Turquía (con Corea do Norte e India na recámara), Washington resposta co eixe AUSKUS vía Gran Bretaña e Australia pero tamén interesado nas expectativas militaristas e xeopolíticas de Xapón, sen esquecer Corea do Sur, Tailandia… e quizáis Indonesia, un actor cada vez máis emerxente. Por moito que Xi e Biden se deran a man no cumio G-20 en Bali, as cartas están echadas: o pulso polo dominio global deste século está deseñado entre Beijing e Washington.
3. O Mundial: triunfo dos ‘petrodólares’.
Nin dereitos humanos, nin corrupción Qatargate e Marrocosgate no Parlamento europeo (e o que falta por saber) Qatar fixo gala do poder dos seus ‘petrodólares’ para montar un exitoso e atípico Mundial de Fútbol que viu por fin a Messi alzar a Copa do Mundo e á Arxentina volver a ser campión, 36 anos despois de Maradona. Os ‘petrodólares’ do emirato foron patentes no negocio apetecible que supón ver unha final netamente “PSG” (clube propiedade de Qatar Sports Investment do emir Nasser Al Khelaifi) e que enfrontou a Messi coa estrela francesa Mbappé.
O silencio da FIFA, dos futbolistas (menos do francés Eric Cantoná, que vetou o Mundial), do Comité Organizador do Mundial e dos poderes fácticos do fútbol mundial ante os máis de 6.000 traballadores mortos durante a construción das obras de infraestruturas así como ante a sentenza a morte contra o futbolista iraniano Amir Nasr Azadani por apoiar as protestas no país persa, son aspectos que retratan os tentáculos de poder dese ‘cártel dos petrodólares’ que domina a FIFA. Queren que pasemos páxina: vémonos no Mundial 2026 en EEUU, México e Canadá.
4. A era dos ‘mecenas’ con voz mesiánica
Este 2022 nos demostrou quen son Elon Musk, Jeff Bezos, Bill Gates…Nomes que cobran diariamente máis poder, incluso por riba de líderes políticos mundiais. Empresarios exitosos que queren ‘guiar’ á humanidade incluso a límites ‘siderais’, a través desa constante e cada vez menos quimérica aspiración por conquistar o Universo.
Son mecenas? Filántropos? Ou aspirantes a gurús repletos de millóns que, nalgúns casos, tampouco escapan da comidilla das sempre mediáticas teorías da conspiración, hoxe tan vixentes nas nosas vidas.
Musk incluso ten ‘participación’ na guerra ucraína a través do seu satélite de internet Starlink. Gates se enfoca na asistencia sanitaria, como xa vimos durante a pandemia. Bezos, como Musk, tamén soña con ‘colonizar’ o Universo. E non son os únicos. Neste mundo de inseguridades, eles acumulan poder e riquezas, buscando pasar á historia como “visionarios”. A pregunta é: ese poder ten límites?
5. Crise económica e retroceso da democracia.
O capitalismo, está en crise? Ou está nunha das súas enésimas crises que propiciará a súa retroalimentación? Estamos na era “post-capitalista” sen saír das marxes estruturais dun capitalismo cada vez máis virtual, cibernético, dixital…? Hai alternativas “verdes” ou son meras quimeras trazadas por un descontento cada vez máis global co “sistema”?
Mentres o espectro da recesión económica global golpea ás clases medias e pobres beneficiando a novas elites, o ascenso dos populismos de toda índole medran agora no mundo considerado “desenvolvido”: Giorgia Meloni en Italia, Viktor Orban en Hungría, Erdogan en Turquía, o rancio conservadurismo polaco….
Estes populismos en alza tamén pón o acento no retorno da xeopolítica e dos conflitos históricos, como vemos no caso ucraíno. Resulta evidente o fracaso da tese de Fukuyama do “fin da historia” e do triunfo incontestable da globalización neoliberal. Quizáis Huntington foi máis asertivo co seu “choque de civilizacións”. Por certo, terá vixencia aquela profecía de André Malraux de que “o século XXI será relixioso ou non o será en absoluto”?
“Resulta evidente o fracaso da tese de Fukuyama do ‘fin da historia’ e do triunfo incontestable da globalización neoliberal”
Esta polarización e malestar global recrea tamén retornos políticos: Lula en Brasil, Netanyahu en Israel, Trump en EEUU. Toda vez, os “golpes” xudiciais, institucionais, “lawfares” e procesos políticos de todo tipo son as novas ferramentas que substitúen aqueles golpes militares de antano que, por certo, seguen a existir.
Pero o panorama para a democracia é preocupante: un informe revela que un 70% da poboación mundial vive baixo réximes “autocratizadores”, etiqueta post-moderna dos autoritarismos que medran en democracias en crise. E tamén observamos a ‘normalización‘ dos conflitos e episodios de violencia política. Toda vez, a oferta política balancéase entre a tentación autoritaria e a mediocridade. Outro dato: un 60% da poboación mundial son usuarios das redes sociais, hoxe novas ferramentas de (des) información, terreo fértil para a crispación e a polarización vía fake news que alimentan estas tendencias “autocratizadoras”.
Cinco claves, entre outras, que definen este 2022 que está por deixarnos. Cinco claves que seguirán a ter incidencia no futuro próximo. A pesares deste panorama pouco alentador, que teñan un Feliz 2023!