Mos | O celtismo está de noraboa. Baixo o seu clásico lema “Afouteza e Corazón”, o R.C.D. Celta de Vigo celebrou este 23 de agosto o seu Centenario cunha serie de actos conmemorativos na Cidade Deportiva Afouteza en Mos.
Os actos rematarán o mércores 30 de agosto cun encontro entre as Lendas Celestes e un combinado de All Stars internacional no Estadio Abanca Balaídos, con entrada gratuíta.
Foi un 23 de agosto de 1923 na Biblioteca Juan Companiel da cidade olívica cando dous clubes, o Vigo Sporting e o Real Club Fortuna, e as súas afeccións, amosaron a vontade de unirse para crear o que dende entón é o R.C.D. Celta de Vigo.
O presidente do clube vigués Carlos Mouriño estivo acompañado polo equipo ao completo, liderado polo seu actual entrenador Rafael Benítez, así como por diversas autoridades presentes entre as que destacaron o presidente da Real Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán, a vicepresidenta primeira e responsable da área de Deportes da Deputación de Pontevedra, Marta Fernández-Tapias, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o presidente do Comité Olímpico Español, Alejandro Blanco, entre outros.
Durante a celebración fíxose un repaso aos cen anos de historia do club e presentouse o futuro complexo Galicia Sports 360.