A Asociación cultural e pedagóxica Ponte nas…Ondas! asistiu en Rabat (Marrocos) á XVIII sesión do Comité Intergobernamental para a Salvagarda o Patrimonio Cultural Inmaterial (PCI) celebrada do 28 de novembro ao 3 de decembro na que presentaba o seu modelo de boas prácticas do patrimonio oral galego-portugués. Falamos co seu presidente Santiago Veloso sobre as expectativas e o futuro deste patrimonio inmaterial.
O modelo de boas prácticas de Ponte…nas ondas! está sendo avaliado pola UNESCO na conferencia de Rabat a celebrarse entre novembro e decembro. Que expectativas ten en torno a este posible recoñecemento?
Agardamos que a UNESCO recoñeza todo o traballo realizado por Ponte…nas ondas! desde hai 27 anos. Non se trata dun recoñecemento sen máis, é a valoración dun modelo que vai ser difundido como un método de salvagarda do patrimonio cultural en todo o mundo. Para toda a comunidade educativa de Galicia e Portugal é un premio do que sentírmonos orgullosos.
“Agardamos que a UNESCO recoñeza todo o traballo realizado por Ponte…nas ondas! desde hai 27 anos”
Recentemente asinouse o protocolo de colaboración coa AECT Rio Minho para a creación do Centro do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués en Valença do Minho. Cal será a participación da Asociación Ponte…nas ondas!?
Desde Ponte…nas ondas! propuxemos a creación dun espazo de referencia para o patrimonio cultural galego-portugués, un lugar de encontro e de proxección deste patrimonio. Ponte…nas ondas!, como ONG consultora da UNESCO para o PCI desde 2015, vai asesorar e tamén a dinamizar o Centro non como un museo senón como un laboratorio de experiencias e de creación, onde os centros educativos galegos e portugueses teñan un espazo de intercambio.
Que actividades levará a cabo este Centro para a preservación e difusión do patrimonio inmaterial galego-portugués?
O patrimonio cultural galego-portugués está distribuído por toda a Eurorrexión, vivo nas comunidades portadoras e desde o Centro do Patrimonio ofrecerase unha información exhaustiva de todas as manifestacións e expresións de cada lugar dando unha panorámica xeral do conxunto do patrimonio inmaterial galego-portugués. Ademais, como centro de encontro, facilitará actividades conxuntas entre as persoas portadoras de Galicia e Portugal.
Está contemplado algún tipo de apoio institucional por parte doutras entidades?
O centro debe ser unha entidade que teña o apoio de todas as institucións tanto de España como de Portugal, pois o patrimonio cultural é de toda a cidadanía e debe ser responsabilidade de todos, desde os Estados, as autonomías e os Concellos.
Durante anos, Ponte…nas ondas! vén perseguindo o recoñecemento da UNESCO deste patrimonio inmaterial conxunto galego-portugués. A creación deste Centro en Valença, impulsará con maior forza a posibilidade deste recoñecemento internacional?
A inscrición do modelo Ponte…nas ondas! como boas prácticas co patrimonio inmaterial galego-portugués no rexistro da UNESCO parte dun traballo con este patrimonio común que vén sendo feito desde os centros educativos e desde as asociacións e comunidades de portadores. Ponte…nas ondas! foi a impulsora dunha candidatura deste patrimonio en 2004; a UNESCO recomendou a ambos Estados voltar a presentala. Agora a iniciativa corresponde ás institucións. Contar cun centro de referencia axudará na visibilidade e na concienciación sobre a necesidade de recoñecemento internacional do patrimonio cultural galego-portugués, que xa é da humanidade desde a Idade Media.