Nigrán | O vindeiro sábado, 30 de decembro, realizarase en Nigrán un obradoiro de percusión africana impartido por Andrés Rivero e organizado pola Escola de Música Municipal, en colaboración co Concello. Será a segunda edición deste curso, que na ocasión anterior cubriu todas as prazas que ofertaba.
O curso, de tres horas de duración, incluirá contidos de técnica, linguaxe e ritmos do djembé, instrumento de percusión da costa oeste africana. A organización facilitará os materiais necesarios, polo que non é preciso ter instrumentos nin experiencia previa para asistir.
O obradoiro terá lugar na Escola de Música Municipal de Nigrán, situada na antiga biblioteca municipal do Ceán, en horario de 11:00 a 14:00h. Ten un custe de 15 € e é preciso realizar inscrición previa, para reservar a praza, no 615 914 161 ou no correo latexopercusion@gmail.com.
Andrés Rivero – Nigrán, 1981
De formación autodidacta, investigou e formouse xunto a grandes mestres da percusión afrobrasileira, afromandinga e afrocubana como Mamady Keita, Harouma Dembelé, Mario Pam, Gabi Guedes, Marivaldo Paim, “Memeu” de Olodum, Bira Santos, Jaír Rezende, Ícaro Sá, Nei Sacramento, Dendê Macedo ou Crá Rosa, entre moitos outros, tanto en Europa como en Salvador de Baía ou Guinea Bissau.
Como músico participou en grupos como Trópico de Grelos, Perfusión ou A Companhía do Ruído, entre outros.
A súa experiencia docente comezou en 2011, impartindo talleres grupais e clases regulares en diferentes proxectos como a escola de Trópico de Grelos ou Galinké. Ten formado parte do equipo docente no Curso internacional Merza Percusión en 9 edicións desde 2012. Desde 2020 atópase inmerso en Latexo Percusión, proxecto que dirixe tanto na súa rama artística como formativa, mentres colabora, tocando e gravando con outras formacións.