O Rosal, un dos Concellos pertencentes á comarca do Baixo Miño, é coñecido pola súa produción vitivinícola e o seu entorno de patrimonio histórico e natural, así como un paso importante dentro do Camiño Portugués da Costa. A súa alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, recibiunos na Corporación Municipal para falar co noso xornal sobre a actualidade do municipio e os proxectos e iniciativas que se están a levar a cabo.
As medidas de prevención realizadas pola Xunta de Galicia no relativo ao protocolos propios da COVID 19 determinaron o súbito aprazamento das actividades do outono cultural no Concello do Rosal. Cal é a situación sobre os contaxios no municipio?
Estamos nunha situación baixa e normalizada, xa que a Xunta considera con menos de sete (7) casos de contaxios no municipio. Sobre a axenda cultural de outono, a semana pasada, despois de saír o Decreto da Xunta (9 de outubro), nós tíñamos programación incluso da propia Deputación de Pontevedra, decidimos por precaución pospoñer debido a que non sabíamos cal ía ser a incidencia dese decreto. Fixéronse determinadas aclaracións. Incluso vimos como no ámbito deportivo o noso clube (balonmán masculino) puido celebrar un encontro con público con tódalas medidas de precaución, aforos permitidos no pavillón do Porriño.
Despois de varias consultas, estase interpretando dende o ámbito xurídico que toda aquela regulamentación dos distintos ámbitos concretos que non está especificada no propio decreto, témonos que remitir ao decreto do pasado 20 de xuño, que establece os aforos de 75% en tódolos ámbitos e espazos públicos con menos de 300 persoas. Tras varias consultas coa dirección de Sanidade Pública, determinamos que o acaído era non pospoñer mais a axenda cultural senón retomar a actividade cumprindo con tódalas medidas sanitarias.
Dende o verán levamos unha aposta pola cultural, levándoa aos barrios. Consideramos que a cultura é un sector seguro porque non se teñen coñecido casos de brotes derivados destas actividades. Determinouse así que o decreto non era de afectación ao ámbito deportivo nin tampouco cultural, decidimos retomar a actividade e ter a axenda con tódalas medidas sanitarias. A precaución e a saúde pública son o primeiro.
Recentemente, a AECT Río Miño, á que pertenece o Concello do Rosal, pediu fondos especiais para combater a COVID 19 dentro da contorna transfronteiriza. Cómo afectou no Rosal o período de peche da fronteira con Portugal?
Nós viñamos reclamando, todos os Concellos transfronteirizos, que a nosa relación vai mais alá da fronteira física. Temos unha relación completamente integrada entre os Concellos de ambas marxes. Durante o confinamento produciuse unha situación de clara discriminación e incomprensión, que ven derivada da xestións de dous gobernos que xestionan coa mirada posta dende Madrid e Lisboa, cando daquelas as medidas estaban centralizadas.
A cuestión é que nós tíñamos moita xente dunha beira e da outra, e mais alá das relacións persoais e comerciais, había relacións laborais. Entón dábase o paradoxo de que persoas que tiñan que ir a traballar o seu día a día a outra beira do río Miño, pois pasaban a facer mais do dobre dos quilómetros diarios que viñan facendo habitualmente. Se antes tardaban cinco, dez, quince, vinte minutos pasaron a triplicar case o tempo horario. Co prexuízo ademais de que os salarios, moitas veces, non son moi elevados neste tipo de empresas. E ao final iso supuña reverter sobre os veciños e veciñas o custe derivado dunha decisión política de non poñer os medios acaídos na fronteira para que, cando menos, os traballadores transfronteirizos puidesen atravesar.
Por iso, solicitouse dende a AECT que, para que isto non se repita, exista unha tarxeta transfronteiriza que habilite a estas persoas a cruzar. E por iso, tamén dados os prexuízos e consecuencias económicas que se sufriron por este tipo de decisións, pediuse que finalmente haxa un financiamento concreto para a nosa área que se viu afectada nese sentido.
Esta decisión foi aceptada por consenso por parte de todos os Concellos que forman parte da AECT?
Si. Aquí houbo unha total unanimidade. Eu penso que ao final todos entendemos e compartimos que, para nós, a fronteira é motivo de unión en non como de separación física.
Recentemente, reuniuse en Santiago de Compostela coa xerente de Solo Empresarial do Atlántico (SELA), Beatriz Sestayo, para analizar as posibilidades de desenvolvemento industrial no municipio. Qué expectativas ten o Concello neste sentido?
Nós dende fai 2002, cos comezos do nomeado polígono industrial que está situado entre O Rosal e A Guarda, comezouse a traballar nesta cuestión. Pero dende entón quedou totalmente paralizado. O certo é que a nós parécenos unha cuestión prioritaria chave para o desenvolvemento da nosa área, xa non só do Rosal senón do Baixo Miño, e tamén unha aposta polo desenvolvemento industrial de calidade, que nos caracteriza como emprendedores. O Rosal é un territorio claro de emprendemento, xa de carácter histórico e que hoxe segue vivo, e é un punto fundamental para que non ocorra iso que é tan recorrente como é o despoboamento do ámbito rural. Para nós é fundamental que nunha área viva como a nosa, pensar que o futuro dos nosos Concellos tamén se inscribe cun desenvolvemento sostible pero de carácter industrial.
Despois de ter unha xuntanza co Director Xeral de Vivenda e Solo, porque inicialmente todo apuntaba a que ese polígono, que ten 18 anos, inicialmente era da Xunta. Despois desa xuntanza, eles revisaron toda a documentación e descubriron que non era da Xunta senón que forma mercado pola SELA, que ten unha participación do 84% do Ministerio do Fomento e que o 1% pola banca e o restante pola Xunta de Galicia. A Xunta ao parecer xa amosou que, no caso de que haxa unha vontade de que o Estado desenvolva este ámbito, eles apoiarían esa decisión.
Por parte de Beatriz Sestayo, tamén amosou a súa disposición a estudar todo ben e de que, se hai unha posibilidade de iniciar este desenvolvemento, pois de facelo efectivo. Nós estamos agora colaborando na transmisión de información e ela (Beatriz Sestayo), quedou en vir a visitarnos para ver realmente como está a situación e ir a ver o polígono. Quedamos en comezar a traballar seriamente nesta cuestión, xa non para o inmediato senón para o desenvolvemento futuro do noso Concello.
Como iniciativas importantes aprobadas polo Concello neste 2020, destacan o seu primeiro Plan Estratéxico de Subvencións e a posta en marcha do Consello Municipal de Desenvolvemento Local. Podería comentarnos sobre ámbalas dúas iniciativas?
Nós damoslle moita importancia á participación veciñal. Tamén o que é poder aumentar esa participación e a xustificar publicamente eses fondos públicos de xeito que respondan ao interese evolutivo, o interese de toda a veciñanza. O Plan Estratéxico de Subvencións, mais alá de ser un documento obrigatorio nestes momentos legalmente no que é o ámbito municipal para establecer as subvencións, un documento esencial para poder acreditar o motivo das subvencións e tamén elaborar unha estratexia de cara a conseguir obxectivos futuros nas diferentes subvencións.
Por exemplo, vimos que a agrupación musical, que é unha das entidades que está nese Plan Estratéxico de Subvencións, fixo actividades por barrios. E nós neste Plan elaboramos este tipo de iniciativas e, sobre todo, a importancia que ten que siga viva unha escola de música que ten dado moi bos resultados, que é un motor activo da cultura do noso pobo e da nosa comarca, e o obxectivo das xustificacións das subvencións é conseguir o mantemento dese xerme tan importante que temos como é a escola de música e que incorpora a propia agrupación.
E isto é igualmente trasladable ao ámbito deportivo, onde tamén temos escolas deportivas no ciclismo, no balonmán, no fútbol. Temos un equipo de balonmán que está na Segunda División, a División de Prata. Mais alá diso, o que nós queremos trasladar é que haxa unha escola deportiva en distintos ámbitos e que os nenos e as nenas poida adquirir esa aprendizaxe tan esencial tanto no ámbito deportivo, cultural e incluso trasladado ao Entroido, e que despois fagamos unhas bases de concorrencia competitiva no ámbito social, que están agora xusto en tramitación, nas que as distintas entidades sociais que teñen unha repercusión a nivel comarcal, non só a nivel Concello, poidan acceder a ter unha subvención.
Co respecto ao Consello de Desenvolvemento Local, nós temos a idea de crear Consellos nos diferentes estamentos como educación, cultura. E comezamos polo Consello de Desenvolvemento Social. O que pretenden os Consellos é xerar un entorno de creación de ideas, de compartir experiencias. Este Consello é como un viveiro de ideas. Participaron nel unhas 21 persoas que están vinculadas ao Concello, que teñen un denominador común é que todos cren e apostan e que teñen experiencia no que é o desenvolvemento no Concello. Hai dende novos emprendedores ata xubilados do ámbito agrario, cultural, servizos, xestións burocráticas. Todo tipo de perfís, empresarios do ámbito vitivinícola, etc, que trasladan un tipo de idea e xerar espazos para poder medrar e a importancia que ten a comunicación no ámbito do desenvolvemento.
E para iso contamos con dous economistas, Xabier Pérez Davila, un economista xubilado que foi profesor no Rosal, e Xabier Martínez Covas, profesor e investigador vinculado á Universidade de Vigo, con experiencia no ámbito da creación, da diagnose e de estratexias de desenvolvemento dos Concellos para poder seguir unha liña de desenvolvemento no curto, mediano e longo prazo.
O Rosal tamén forma parte da campaña “Parte de ti” de apoio ao mundo rural. Pode comentarnos que iniciativas impulsa a Corporación Municipal dentro desta campaña?
Este é unha iniciativa que ven derivada do proxecto “EU Rural” que está vinculado ao Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR), e que decidiuse facer unha campaña de promoción, “Parte de Tí”, “O Rural parte de Tí”, do que é o ámbito rural e tamén do produto local. A nosa implicación é máxima, todos apostamos pola necesidade de desenvolver o consumo do produto local e da aposta pola calidade.
Esta campaña o que fai é reflectir esa gran cantidade e calidade do noso entorno. Estamos once ou doce Concellos implicados, os que estamos no GDR, e por iso faise campaña dende o Mirador do Rosal no ámbito vitivinícola pero tamén o Pan de Porriño e distintas iniciativas, cristaleiros, que son o exemplo do que é posible na vida do rural en condicións e que debemos apostar polo consumo dese tipo de produtos tanto no Rosal como nese entorno rural.
Podería comentarnos sobre a licitación das obras da Praza de Abastos e o proxecto de transformación da Praza do Calvario do Rosal?
A finais de novembro imos comezar coa execución da primeira fase da remodelación da Praza de Abastos do Mercado Municipal. Nesa aposta estratéxica polo desenvolvemento do ámbito local e do produto local, para nós é esencial que un dos espazos mais dinámicos, como é a Praza de Abastos, que ademais é un lugar emblemático pola edificación que supón, pola historia e trascendencia que ten, se convirta e se remodele nos tempos actuais e se faga no tempo unha aposta polo comercio de proximidade e polo desenvolvemento do ámbito local.
Nesta primeira fase vaise remodelar o edificio que coñecemos, onde se vai a implementar un posto mais, que se vai a licitar. E vai supoñer unha remodelación integral, un cambio tamén na venda do produto, na aposta pola calidade en tódolos sentidos, desde a atención ao público ata o produto e de calidade na venda.
Despois haberá unha segunda fase, que agardamos facer o ano que vén, que supón a ampliación do que é o Mercado e que vai a incorporar outros elementos que camiñan cara a excelencia, considerado incluso pola propia Xunta como unha prioridade para o sostemento do que son as Prazas de Abastos, implementando servizos novos como poden ser comida para levar, ou outro tipo de servizos complementarios para o funcionamento da propia Praza.
Co respecto ao proxecto da Praza do Calvario, estamos no proceso de redacción do proxecto. Houbo unha empresa que levou á adxudicación tras un concurso público de licitación, tanto para redacción como da execución e que contempla non só a remodelación en criterios de patrimonio senón tamén na necesidade de habilitar novos apartamentos e un aproveitamento de toda a zona. Isto é fundamental porque no entorno do Calvario están todos os servizos. Para iso, realizaremos nos próximos meses un exercicio de participación veciñal e tamén coa Deputación de Pontevedra, porque tamén hai unha implicación total por parte desta entidade para apostar por unha mobilidade sostible do ámbito rural, para que sexa un proxecto atractivo e de sexa un núcleo de transformación do noso pobo.
O 2021 é Ano Santo Xacobeo e O Rosal é paso importante do Camiño Portugués pola Costa, un factor que pode revitalizar o seu patrimonio histórico e o tecido económico e turístico local. Qué iniciativas está plantexando o goberno municipal neste sentido?
Eu penso que dentro do gran paradoxo que estamos a vivir da COVID 19, o ámbito rural parte cunha clara vantaxe que somos un entorno natural e a natureza nestes momentos é un valor engadido moi importante. De feito, nós témolo vivido este verán en lugares como os Muíños do Folón e do Picón e incluso a propia costa foron visitados.
Na zona do Camiño de Santiago, estamos agora a rematar un proxecto, a Esplanada do Horizonte, que foi premiado agora a nivel internacional pola arquitecta María Fandiño Iglesias, unha arquitecta paisaxista rosaleira, que ven de recibir un premio internacional de arquitectura en Italia, o Simoneta Bastielli, que é o recoñecemento a un traballo no ámbito paisaxista da arquitectura moi importante neste sector. E que recoñece a remodelación dun espazo que denominamos a Esplanada do Horizonte, que está no propio Camiño de Santiago e que xoga con elementos paisaxistas dende a natureza coas diferentes bancadas, e que reconvertiu totalmente aquela zona.
Co cal, isto converteuse tamén non só nunha valorización do entorno para a propia veciñanza senón tamén nun punto mais para o desenvolvemento do propio Camiño de Santiago, que estamos seguros que vai ter unha importante repercusión e visita.