O Rosal | O Concello do Rosal estrea esta fin de semana o seu grupo de voluntariado de limpeza da natureza cunha saída coa que seguir coidando a contorna. “É moito máis que un xesto, participar en iniciativas como esta ten un impacto moi positivo no noso concello ao tempo que fomentamos a concienciación e participación activa da veciñanza no coidado do noso medio ambiente e gozan de tempo de lecer en espazos naturais”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.
A actividade desenvolverase o vindeiro domingo 2 de abril a partir das 10.00 horas co muíño das Aceñas como punto de encontro. Será a primeira actividade nesta zona da ribeira, na que as e os participantes irán recollendo o diferente lixo que se vaia atopando na contorna.
As persoas interesadas en participar deberán inscribirse chamando ao Concello ou enviando un correo electrónico a conserxe@orosal.gal especificando nome, apelidos, documento de identidade e número de teléfono de contacto. Todas as persoas inscritas contarán cun seguro de participación na actividade. Aquelas persoas que non se inscriban e queiran formar parte desta saída poderán facelo pero baixo a súa responsabilidade. A data límite de inscrición é o mércores 29 de marzo.
Recoméndase levar roupa e calzado cómodos para camiñar duante a actividade, así como luvas. Dende a organización levaranse bolsas para a recollida e luvas para aquelas persoas que non leven as súas propias.