O Rosal | O Concello do Rosal continúa coa súa loita contra a vespa velutina. O goberno municipal pon en marcha unha campaña para tentar distribuír trampas contra esta vespa asiática por distintos puntos do municipio, actividade para a que quere contar coa implicación e colaboración de toda a veciñanza. “O obxectivo é que en cada casa poida colocarse unha destas trampas nesta época do ano, xa que as vespas que se collen a finais de febreiro e principios de marzo son as raíñas”, explica o concelleiro de Participación Veciñal, Ramón Fernández Leal.
Para levala a cabo, o Concello elaborou un vídeo titorial que se distribuirá nos centros educativos do Rosal e a través da web e das redes sociais municipais para explicar como crear de forma doada e sinxela unha trampa para atrapar a estas vespas cun tubo, unha botella, un cordel e cebo preparado con auga, azucre, mazá ou pera, viño tinto e cervexa. Para facilitar a creación destas trampas, a través dos centros educativos entregarase ás familias rosaleiras os tubos, que é o material máis difícil de preparar. O vídeo tamén pode verse na canle de Youtube do Concello.
Lémbrase á veciñanza que en caso de atopar un niño deben avisar ás autoridades e non acercarse a el, xa que as súas picaduras poden ser perigosas. As velutinas exterminan totalmente ás abellas, un dos insectos que máis beneficia ao medio ambiente polo seu papel como polinizador.
Dende o Concello quere agradecerse ademais o gran labor que desenvolve o grupo de apicultores voluntarios que cada ano loitan para colocar trampas e retirar os niños de vespa velutina que se detectan no municipio.