O Rosal | O Consello Municipal de Igualdade do Rosal botou a andar este martes coa celebración da primeira reunión dun espazo que busca traballar a corto, medio e longo prazo a prol dunha nova conciencia social baseada no respecto por todas as persoas, independentemente do seu xénero.
“Temos o pracer de contar cun consello integrado por persoas dunha gran calidade técnica en cuestións de igualdade que nos permitirá seguir camiñando cara un cambio de mentalidade da sociedade xeral e cara un cambio de actitude e resposta ante as diferentes realidades que xiran arredor da muller”, salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.
O Consello está formado unha vintena de persoas de diferentes idades e perfís, como estudantes universitarios e de bacharelato; persoal técnico en igualdade, saúde mental e diversidade; educadora familiar e educadora social; profesorado de educación secundaria e universitaria; membros das Asociacións de Nais e Pais (ANPA); profesionais en socioloxía, en psicoloxía especializada en psicoeducación, en sexoloxía ou en psicoloxía clínica especializada no ámbito da violencia de xénero. Tamén forman parte do Consello a propia rexedora do Rosal; a concelleira de Igualdade, Sara Vicente; o concelleiro de Educación, Carlos Villanueva; e o concelleiro de Participación Veciñal, Ramón Fernández Leal.
“O Consello está formado unha vintena de persoas de diferentes idades e perfís”
Neste primeiro encontro por videoconferencia abordouse a propia constitución do Consello e supuxo unha primeira toma de contacto para “traballar conxuntamente na implantación da igualdade a todos os niveis no Rosal, algo que para nós é prioritario”.
Neste sentido, por un lado o Consello traballará na posta en marcha de iniciativas concretas que axuden a seguir revolucionando mentes no día a día do municipio e na integración da igualdade como parte fundamental da axenda cultural ao longo de todo o ano.
Por outra banda, tamén será labor do Consello o debullar un plan estratéxico que permita ao Concello do Rosal perfilar o camiño a seguir para a implantación da igualdade a todos os niveis.