O sector cultural debate os retos “post-COVID” no Castelo de Soutomaior

O vindeiro 10 de febreiro

Pontevedra | A Deputación, xunto á Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural, organiza o día 10 de febreiro unha xornada no castelo de Soutomaior para debater sobre os desafíos aos que se enfronta o sector da cultura.

A presidenta provincial, Carmela Silva, presentou o encontro, que leva por nome “Retos da cultura poscovid”, xunto á vicepresidenta da entidade cultural, Clara Cordeiro, e resaltou que “desde as Administracións temos que escoitar moito ás asociacións e persoas do mundo da cultura, que son as que nos marcan o camiño, e apostar máis que nunca por potenciala”.

A responsable da Deputación animou “á xente da cultura a apuntarse e vir a un lugar que é ademais tan especial como o castelo”. Cordeiro, pola súa banda, destacou que a cita será “unha maneira de reencontrarnos despois dun tempo tan difícil”. A inscrición está aberta xa a través desta ligazón cun máximo de 100 prazas.

“Todas e todos sufrimos moito coa pandemia pero particularmente as persoas que se dedican á cultura cos confinamentos, redución de público e peches. Pero esta situación tamén demostrou que a xente precisou á cultura para soportar a pandemia, e a cultura permite ademais construír sociedades avanzadas e modernas, con pensamento crítico”, expuxo Carmela Silva, quen resaltou que nas charlas e mesas “participará xente moi potente e diversa e a xornada permitirá tecer redes, sumar sinerxías e poñer en contacto aos profesionais do sector”.

Ademais, destacou que se afondará nas charlas e debates “na sostibilidade, o feminismo, a necesidade de expandir a cultura a todo o territorio e nas redes colaborativas”.

Programa
O 10 de febreiro, a presidenta da Deputación abrirá a xornada xunto a Pilar Portela, presidenta da Asociación e exdirectora do Pazo de Congresos de Pontevedra. A continuación terá lugar a conferencia marco “Retos da cultura poscovid” a cargo de Benito Burgos, coordinador do programa Cultura e Cidadanía na Subdirección Xeral de Cooperación Cultural do Ministerio de Cultura.

Unha hora despois dará comezo a mesa de debate sobre “Retos de futuro da xestión cultural na provincia de Pontevedra” na que participan o xornalista Alfonso Pato; a tamén comunicadora especializada no eido da cultura Marián Rodríguez; a socióloga e técnica cultural Marta Núñez; a xestora e comisaria cultural Paula Cabaleiro, directora da área de Cultura da Deputación; e Jorge Linheira, investigador sobre políticas culturais e autor do libro “La cultura como reserva india. Treinta y seis años de políticas no culturales en Galicia”.

Proxectos inspiradores
Finalmente pechará a xornada, ás 12.30 horas, a mesa “Proxectos inspiradores en xestión cultural na provincia de Pontevedra”. Alí presentaranse iniciativas como a colección de cinco libros “Defensoras de Dereitos”, con textos de Lara Dopazo e ilustracións de Marta Conde e Rotmlnas e no que colaborou a Deputación; ou a cooperativa “Somos Terra”, que ten por obxecto educar e sensibilizar sobre a sostibilidade, da man dunha das súas socias, Eva López.

Silvia Villar, activista, xestora e investigadora sociocultural, presentará “A casa colorida”, organización colectiva que axuda a desenvolver proxectos a través de software libre. Mar García, programadora da Biblioteca Pública Xosé Neira Vilas de Vigo, dará a coñecer “Achegando culturas”, proxecto social que impulsa a biblioteca e a Fundación Secretariado Gitano para fomentar a cultura e a integración.

A xornada péchase coa intervención da presidenta da Asociación e de Carlos Lorenzo, secretario da entidade, consultor cultural e director do documental “Vértice de versos”.

Apoio da Deputación
Pilar Cordeiro agradeceu na presentación o apoio da presidenta Carmela Silva e da Deputación ao mundo da cultura. “É moi importante, ao igual que a forma, con esa predisposición a escoitar e a facilitar o noso traballo, que pasa por defender a cultura, e máis nestes tempos”, explicou.

Cordeiro engadiu que o sector “pasa por unha situación máis fráxil que nunca, pero somos optimistas sobre que as cousas poden mellorar” Apuntou a intención de que a xornada “sexa un encontro participativo, para falar e debater, produtivo e lúdico”.