Sen dúbida este último venres o PSOE percebiu de vez que a negociación co president Puigdemont e con JuntsxCat ten pouco a ver coas negociacións de fasquia autonomista que adoitan enfrontar coa ERC.
Porque, como ten escrito Pilar Rahola, colaboradora nestas páxinas de El Correo Gallego e Prensa Ibérica, Puigdemont pescuda un acordo histórico, de país a país, que recoñeza os excesos do Estado español na persecución represiva das condutas dos soberanistas do procès e que amose que a amnistía non é un acto de perdón, mesmo nin de reconciliación strictu sensu, senón de recoñecemento de que as condutas posteriores ao comezo de 2013 que pescudaban que a cidadania catalá puidese decidir o seu futuro, así como aquelas que refugaban da grave represión sofrida por moitos patriotas cataláns, entre eles os condenados a penas gravísimas no chamado xuizo do procès no Tribunal Supremo, non habían ser consideradas como delictos.
Neste senso cómpre lembrar que o delicto de convocatoria ilegal dun referéndum, inserido no Código Penal pola maioría absoluta do PP no aznarato foi derrogado sendo Presidente do Goberno do Estado R. Zapatero (PSOE) no 2005 e que até setembro de 2015, introducido pola maioría absoluta de M. Rajoy (PP) non existiu o delicto de desobediencia ás resolucións do Tribunal Constitucional.
A promulgación dunha amnistía constitúe unha emenda substancial, cando non á totalidade, ao funcionamento dun sistema democrático”
Ten razón quen diga que a amnistía, malia ser formal e materialmente constitucional, é moi excepcional nas democracias. En realidade, a promulgación dunha amnistía constitúe unha emenda substancial, cando non á totalidade, ao funcionamento dun sistema democrático. A amnistía require na democracia dunha causa excepcional que amose unha deficiencia estrutural no funcionamento dese sistema que requira da amnistía como solución de normalización e restauración democrática.
E velaí os requerimentos de Puigdemont e de JuntsxCat. A amnistía, dende a súa ollada, non pode ser un acto de graza que esixa un pacto de renuncia ao ideario soberanista, senón esa solución de compromiso democrático que, ademáis, da fe da existencia dun conflito político e desa deficiencia estrutural que lexitima a amnistía: a desproporcionada a ctuación de sectores do Poder Xudicial e do Ministerio Fiscal no proceso de represión, principiado co prendemento de Jordi Cuixart e Jordi Sánchez polos sucesos da Consellería de Economía do 20-S de 2017 e seguiu coa violencia policial do 1-Ou e o desaquelado discurso do Xefe do Estado do 3-Ou e que chega hoxendía á cualificación como terrorismo polo xuiz da chamada Audiencia Nacional Gª Castellón dos feitos supostamente organizados polo Tsunami Democrático..
Como dí Rahola, se Pedro Sánchez e o PSOE dan entendido este sentido político, excepcional e normalizador da amnistía haberá investidura e senón non a haberá.