O silenzo non ten nada de sensato.

Evidentemente moita xente estamos expostos a perdernos na palabra, precisamente porque a empregamos e dámola a coñecer privada ou publicamente, ben sexa en escenarios ou, senón, na dimensión próxima da contorna. Ben certo é que quen fala ou escribe corre o risco de meter a pata unha e mil veces, de pisar os seus propios significados e mesmo contradicións. Estamos feitos delas, de contradicións clandestinas, de contrastes furtivos na lóxica tan ilóxica.

Non así quen cala e prevalece no silencio, quen habilmente se esconde na mudez ou na mentira. O caso é que veño defendendo que hai moita xente que tamén se esconde na equidistancia, na neutralidade. Faino sen recato, pensando que os demais somos parvos e asistimos engaiolados a ese discurso superior de “non mollarse”, xuíces de escrúpulo limpo. Cren que manterse nesa cómoda distancia de non tomar parte fainos imparciais ou ecuánimes, mesmo máis obxectivos. Pero non é certo, non.

Por moito que proclamen a súa inocente neutralidade, non é tan inocente. Deben saber que esa equidistancia á que soben é hipócrita. Si, pode resultar moi sedutora e elegante pero é falsa e enganosa, mesmo simulada. Explícome porque pretendo explicar que esa neutralidade, tan cómoda na que descansan moitos “opinadores de salón” ou xuíces de escaparate, que tanto abundan, para min non lles lexitima porque -precisamente- non se mollan. Non lles dá obxectividade nin dereito, porque ao mesmo tempo permítelles aparentar, estar por riba do ben e do mal pero sen compromiso. Proclaman sempre que hai extremistas (os demais) e radicais (tamén as demais) e din que hai moita xente en alerta (tamén allea) que defenden outra realidade.

En ningún dos grupos están eles. Ese discurso é moi vello xa, resultaralles coñecido. Si, deixan caer que eles están no medio, no alto diría eu, para controlar a uns e outros desde esa súa preferencia na que se permiten xulgar e, no mesmo acto, terxiversar. Crense nun plano diferente e superior, onde segundo eles está o lugar xusto para a perspectiva veraz, moito máis racional que calquera das partes que se opoñen e discuten. E, desde ese lugar son quen, xa con autoridade, de permitirse descargar as súas iras desprestixiando -normalmente con insulto- a súa preclara “clarividencia”.

Son os pícaros de sempre, con frases lapidarias e moi convincentes. Son as persoas arteiras que nos venden a moto, que se permiten colocar o que é xusto onde a eles lles convén e, ao mesmo tempo, desviar a atención desde o seu trono autoritario, salvando a reputación e argumentando ideoloxías alleas, alleantes e fracasadas. Mais seguen sen se mollar, sen estar nin co seu deus -se o teñen- nin co demo, anque veñan do inferno. Están por riba de todo iso, son superiores e miran a todos desde moi arriba. Non andan pola superficie da terra, navegan moito máis arriba.

“Así o fan saber nas redes sociais e nos medios, onde son amos e señoras, onde odian a uns e a outras, onde admiten unha independencia na que se esconden e defenden para ocultar a falta persoal de compromiso, a covardía”

Así o fan saber nas redes sociais e nos medios, onde son amos e señoras, onde odian a uns e a outras, onde admiten unha independencia na que se esconden e defenden para ocultar a falta persoal de compromiso, a covardía. É un mal moi común, que se dá en próximos e alleos, na contorna e fóra dela. Presumen de neutros e desa complicidade co poder, coas desigualdades, cos intereses de recurso.

En nada colaboran para clarificar e conquistar valores que determinen xustiza e proporción, comprensión e tolerancia. Abondan no problema e rin dos demais nun complexo remuíño de palabras para non dicir o que pensan, para non ofenderse a si mesmos nos conflitos que xorden entre as rutinas da vida. Pero sei que son perceptibles, que se ven e se senten, que se acomodan, que andan na ponderada arte de non definirse, de non tomar parte nin partido, de non alzar a voz, de arredar desa función crítica -que é de compromiso, claro.

Están coa vítima e co verdugo, cos agresores e agredidas, xustificando sempre as diferencias e as deficiencias, as inxustizas, desequilibrios, xenocidios, desigualdades, a perversión dos dereitos humanos. E consenten as precariedades que temos diante dos ollos, nos servizos públicos e nas consideracións máis necesarias. Son un fábrica de insolidarios que recrean machismos, sexismos, racismos e todo iso que lexitima a exclusión e o autoritarismo, mais non resolven e caen na inmoral condición de tirar pedras e agachar a man. Todos sabemos de grande número delas e deles, van vitoriosos sempre. E sorrín a todo o mundo. Mirade que os veredes, están aí diante de nós.

Mestre e músico.