Cadernos da viaxe.
Os conceptos son equívocos. Mesmo ás veces só poden facer dano, como cantou Depeche Mode (Enjoy the silence, 1990). Dende o ámbito do galeguismo político, ao longo dos seus 170 anos de percorrido, formuláronse propostas autonomistas, federalistas, confederalistas ou indepe-arredistas. Mais sempre dende a consideración do dereito de Galicia a decidirmos o noso futuro.
Cómpre distinguirmos entre a orixe e o destino. A orixe é, para os que cren que Galicia é unha parte de España sen dereito ningún adicional, a soberanía única que este día defenderon no Parlamento de Galicia o PSdeG de Gonzalo Caballero e o PPdeG de Núñez Feijóo, de xeito que unha reforma do marco xurídico-político podería suprimir o limitado autogoberno galego e restaurar o centralismo no que acreditan as forzas políticas españolas.
Mais a orixe, para os soberanistas, é o recoñecemento de Galicia como nación, como suxeito xurídico-político coa plena capacidade de decidir o seu futuro. E aquí é onde se entende o debate congresual do BNG de hai poucos días.
No debate sobre o destino da capacidade de orixe, do dereito a decidir, que sempre defendeu o BNG (e o PG da República e transición, o PNG-PG, UG ou o PSG-EG ) a respecto das fórmulas concretas do exercicio dese dereito, que abanearon entre o federalismo asimétrico en 1931 e a autonomía estatutaria de 1936 até as Bases Constitucionais de 1977-1978 e o autononisno doutros de 1980-1981.
Se recoñecemos o dereito a decidir de Galicia non temos por que escoller á forza unha independencia que neste momento histórico non sería entendida pola maioría cidadá. Porque o soberanismo, o dereito a decidir, constitúe a orixe: somos unha Nación e temos dereito a decidirmos o noso futuro. E o destino é a fórmula concreta desa nosa decisión: federalismo, autonomía, cosoberanía plurinacional ou independencia.
“Se recoñecemos o dereito a decidir de Galicia non temos por que escoller á forza unha independencia que neste momento histórico non sería entendida pola maioría cidadá”
O soberanismo xoga nunha liga distinta ao autonomismo, federalismo ou independentismo., porque representa á orixe e a permanencia, non a continxencia e a estratexia. Logo xoga baixo outras regras.
Velaí porque o BNG resolveu ben o seu debate, na liña da maioria social. Malia que paire aínda a nula sensibilidade española para ofrecermos un status diferente no seu contexto plurinacional.
“Velaí porque o BNG resolveu ben o seu debate, na liña da maioria social”
Un status diferente que merecemos como titulares do noso dereito a decidir e precisamos para garantir o noso benestar social e económico, imposíbel dende alicerces dun Estado español para o que as bases produtivas galegas non son importantes e mesmos son prescindíbeis.